CRTVG

Buscar

Os almorzos

Rosa Gallego: "Co goberno da Marea Atlántica, a cidade está como nunca de mal"

30/04/2018 - 08:25 h

A voceira do grupo municipal do PP na Coruña, Rosa Gallego, dixo nos 'Almorzos' da Radio Galega que o Goberno da Marea Atlántica está decepcionando a moitos veciños que esperaban un cambio.

Eu escoito dicir todos os días que a cidade está coma nunca de mal. A verdade é que non hai nin o mínimo mantemento. Ademais, a maioría dos servizos importantes están sen contrato. Había moita xente esperanzada co cambio, pero o certo é que hai máis desafiuzamentos que antes; non hai política de vivenda, as licenzas están paralizadas, hai contratos a dedo como o do vello cárcere...

Gallego engade que o Goberno de Xulio Ferreiro está apostando polo "amiguismo" e pon como exemplo "os dous pisos que se mercaron a un asinante da Marea Atlántica nun procecemento pragado de irregularidades".

Ferreiro, como licenciado en Dereito, sabe que é un caso claro de anulación, pero deben ser decisións que veñen de fóra

A voceira do PP na Coruña tamén denuncia o "bloqueo por parte do Goberno local aos investimentos e melloras da Xunta e do Goberno central. Mostra diso é o Plan de transporte metropolitano ou a desafectación dos terreos portuarios".

Rosa Gallego tamén ten palabras de crítica para o grupo socialista.

Houbo a oportunidade de facer unha moción de censura, pero en dúas reunións que tiven co PSOE a resposta foi 'non é non'. O PSOE non sabe moi ben onde está. Parte do partido ve o desastre das mareas, pero dende os estamentos de Pedro Sánchez están no 'non polo non' e non saen diso. Supoño que, chegadas as eleccións, se afastarán un pouco das mareas...

O que ten claro Gallego é que "as cousas que está facendo a Marea van ter consecuencias nas eleccións". Gallego confía en que o PP acade uns bos resultados.

Beatriz Mato daría unha boa alcaldesa. Agora é a presidenta local do partido e eu traballo man a man con ela. As dúas xuntas no Concello podemos facer un bo traballo

A data en que se oficialice a súa candidatura á alcaldía xa non depende de nós. Eu creo que non a sabe nin ela

Cortes dos diferentes programas da RG
Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí