CRTVG

Buscar

Os almorzos

Román Rodríguez, conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia

12/09/2017 - 08:18 h
Román Rodríguez, conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia

O conselleiro de Cultura desbota expropiar o pazo de Meirás á familia Franco e cre que debe ser a xustiza quen decida sobre a ilegalización da fundación que leva o nome do ditador.
  Nos Almorzos do 'Galicia por diante' Román Rodríguez lembrou que "expropiar ou comprar o pazo significa que Galicia lle estaría transferindo unha serie de recursos importantes á familia Franco" e, ao seu xuízo, "Galicia non está para darlle diñeiro á familia Franco".

  O titular de Cultura cualificou de desafortunadas as declaracións vertidas desde esta organización, asegurando que Franco nin fusilou a ninguén nin ditou ningunha condena de morte. Matizou que "nin eu nin o PP temos débeda moral nin política coa Fundación Franco" e considerou que sería bo que os herdeiros do ditador doasen este inmoble -declarado Ben de Interese Cultural- para reconciliarse con parte da sociedade galega.

  Recentemente o seu departamento multou con 4.500 euros á Fundación Francisco Franco por cancelar as visitas ao Pazo de Meirás. Sobre as peticións vertidas dende distintas organizacións para ilegalizar a fundación, Rodríguez aclarou que "declarar ilegal unha organizacion ou outra é competencia do ámbito xudicial"

Normalidade no arranque do curso escolar

O conselleiro de Cultura destacou que as clases comezaron sen incidencias destacadas para o alumnado de Infantil e Primaria de Galicia. Tampouco houbo problemas co transporte colectivo. Segundo asegurou, "despois dun certo 'barullo' ou medo colectivo, o sistema funcionou con normalidade e demostrouse que na práctica a única diferenza que houbo foi que os asentos baleiros podían ser ocupados por adultos, que son persoas da contorna próxima aos nenos e que conviven con absoluta normalidade".

  A estas alturas, o 80 por cento das 680 obras acometidas en centros de ensino de 180 concellos galegos están pechadas. O caso máis preocupante -recoñeceu- é o do Colexio de Navia, no que se investiron máis de 2 millóns de euros para converter un colexio dunha liña noutro de tres. posibilitando crear máis de 400 prazas escolares. "Imos ter un atraso de tres ou catro días, pero estamos triplicando o espazo deste centro educativo", indicou. 

  Román Rodríguez avanzou a presentación en breve da chamada Estratexia Galega en Educación Dixital 2020, que busca potenciar o libro dixital e incrementar as chamadas vocacións STEM, mellorando as destrezas do alumnado nas ciencias, matemáticas, enxeñería e novas tecnoloxías e introducindo, entre outras cousas, a robótica en Primaria. 

  Ademais, antes de que remate o ano, presentarase o novo mapa de titulacións, onde se fixará que titulacións entran no sistema universitario galego e cales saen para -segundo dixo- "responder ás demandas de Galicia". Segundo aclarou, "non serán demasiadas as que saian, pero será preciso reaxustar a oferta porque hai carreiras que non existen aínda no sistema universitario galego e outras que case non teñen demanda".

  Román Rodríguez dixo que é inevitable que xurda algún problema cos sindicatos durante o novo curso escolar, pero insistiu en que as principais variables que miden o sistema educativo galego están mellorando.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí