CRTVG

Buscar

Os almorzos

Román Rodríguez, conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

17/07/2017 - 09:27 h
Román Rodríguez, conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, insiste en que dos catro centros en que se anunciaron cambios, só o de Outes pechará. Neste sentido, asegura: "En setembro poderase comprobar que no caso das Pontes, de Ribadavia e do Porriño fusionaranse con outros colexios lindeiros".

Na entrevista dos Almorzos do Galicia por Diante, o titular de Educación sinalou que é preciso "facer un uso responsable das palabras" e que este tema "se empregou de maneira partidista, sen atender ás particularidades do servizo educativo".

Mostrouse comprensivo coa preocupación das familias ante os cambios que se achegan, con todo, asegura que se xerou "unha idea equivocada".

Son centros que se atopan a moi pouca distancia e os cambios buscan unicamente mellorar a oferta educativa

Concretou que no caso do colexio das Pontes trátase dun cambio na nomenclatura do centro. "Mentres os alumnos de secundaria cambiarán de centro, as aulas de primaria seguirán funcionando", explica. Neste sentido, destacou que decidiron facer o cambio ao final do curso para non interpoñerse no trascurso do ano escolar, e que así contan co tempo suficiente para facer as reestructuracións precisas. Ademais, insiste en que se existe algún tipo de cambio no horario, correspóndelle a cada comunidade educativa facer fronte ós cambios e tomar decisións. 

Con respecto ao peche de centros unitarios, o conselleiro sinalou que, "desgraciadamente", lévanse pechando moitas nos últimos anos e seguirán facéndoo. Argumenta que é preciso adaptar o número de centro á demanda e cada vez as zonas rurais quedan máis despoboadas e sen nenos.

Ao lle preguntaren pola modificación do mapa universitario de Galicia, Rodríguez recalcou que "non é algo inmediato", senón un proceso progresivo que precisa de avaliación. Por ese motivo, explicou que dende a Consellería están traballando nestes cambios para adaptar a oferta educativa ás demandas reais dos estudantes. Así mesmo, sobre o pacto de educación que se debaterá este luns na Conferencia de Presidentes, asegura o conselleiro que non debe "responder a intereses partidistas", senón que é un problema "ao que é preciso buscar solucións entre todos"

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí