CRTVG

Buscar

Os almorzos

"Para abaratar os másteres precisamos máis financiamento da Xunta"

26/04/2018 - 08:23 h

Nos 'Almorzos do Galicia por diante', os reitores electos de Santiago e Vigo valoraron de xeito positivo a proposta de Núñez Feijóo de conxelar as taxas universitarias e de reducir o custo dos másteres. Antonio López sostivo que esa función social "esixe complementar pola vía da transferencia os recursos que precisamos. Os custos da Universade están aí, e, se queremos unha docencia de calidade, precisamos máis financiamento da comunidade autónoma".

Manuel Reigosa cre que é necesario facilitar o acceso á universidade a todas as persoas con capacidade e vocación. "Temos unha eiva, común co resto de España. Seguen sendo poucos os estudantes que, unha vez rematados os estudos de grao, completan a súa formación co posgrao. Hai que incentivar que os nosos alumnos fagan os cinco anos completos".

Acerca do mapa de titulacións galego, os dous reitores electos coincidiron en que non é algo pechado e que debe abordarse tendo en conta os intereses xerais. O reitor electo de Santiago, Antonio López, dixo que "en materia de máster, convén ter en conta as demandas do estudantado e das empresas". O vigués Manuel Reigosa afirmou nos 'Almorzos' que aspira "a que o cen por cento do noso alumnado poida facer prácticas en empresas".

Os reitores electos de Santiago e Vigo queixáronse no 'Galicia por diante' do descrédito que pode supoñer para a Universidade a polémica arredor do máster de Cristina Cifuentes. Manuel Reigosa explicou que "no sistema universitario galego non podería ocorrer algo así. Hai soporte documental que impide cambiar unha nota a partir dun correo electrónico ou dunha chamada de teléfono". Antonio López referiuse ao asunto como "algo excepcional, que non debe afectar o prestixio da Universidade. Non o merecemos".

Cortes dos diferentes programas da RG
Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí