CRTVG

Buscar

Os almorzos

Raúl Fernández, secretario provincial do PSdeG-PSOE en Ourense

22/09/2017 - 08:20 h
Raúl Fernández, secretario provincial do PSdeG-PSOE en Ourense

O secretario provincial do PSdeG en Ourense considera que os avais acadados para as primarias son un paso máis, pero di que todo está aberto no seu partido de aquí ao 8 de outubro.
Raúl Fernández apuntou nos "Almorzos" da Radio Galega que el non presentou aval e, malia que votará por un candidato, prefire non posicionarse e manter a neutralidade no proceso.

O tamén deputado no Parlamento galego asegura que hai que "aproveitar a sabedoría dos militantes para facer un partido máis unido e forte". Ademais, opina que a política do PSdeG debe ser de "sumar e non confrontar, aberta ao debate e estudando todas as posicións". Raúl Fernández sinala que, para ser alternativa, o seu partido ten que "abrirse á sociedade e dar solucións aos problemas das persoas".

Estado da Autonomía

O secretario provincial do PSdeG en Ourense tamén criticou a elección das datas para o debate do estado da autonomía no Parlamento. Cre que "forma parte da estratexia do PP para desviar a atención a outros temas que non son os que interesan no debate parlamentario". Fernández considera que Núñez Feijóo "non está en Galicia e cos problemas reais porque busca un lugar en Madrid".

Neste sentido criticou asuntos que, ao seu entender, "non saen ben, como o plan de transporte", no que -dixo- "non se contou nin coa patronal nin cos sindicatos". O deputado socialista lembrou que hai unha denuncia nos xulgados por, presuntamente, privilexiar a unha empresa nas contratacións.

Galicia, comunidade histórica

Raúl Fernández apostara no seu momento por Susana Díaz para a secretaría xeral. Agora apunta que Pedro Sánchez está a construír un proxecto que "avanza pouco a pouco, e é preferible facelo amodiño e ben. Agora ten un apoio xeneralizado".

Por último, o secretario provincial do PSdeG en Ourense falou do proceso soberanista de Cataluña e dixo que debe imperar o diálogo entre as partes implicadas. Tamén asegurou que España é un Estado confederal e Galicia unha comunidade histórica.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí