CRTVG

Buscar

Os almorzos

"O fomento da natalidade ten que vir da man de medidas de conciliación e corresponsabilidade"

14/02/2018 - 08:21 h

A deputada do PPdeG Raquel Arias apela ao consenso entre as forzas políticas como clave fundamental para levar a cabo medidas efectivas contra o avellentamento en Galicia a medio e longo prazo.

Na entrevista dos Almorzos da Radio Galega, a voceira dos populares na área de Demografía sostivo que o Goberno galego leva anos traballando para aumentar a natalidade. Destacou, por exemplo, o programa Bono Concilia ou o Bono Coidado. A popular tamén destacou a importancia da corresponsabilidade no coidado dos fillos e a conciliación familiar e laboral.

É importante que as familias teñan facilidades para ter fillos e fillas. Isto é, que haxa medidas de conciliación e medidas de corresponsabilidade. Precisamente mañá constituímos os grupos de traballo do Observatorio Demográfico de Galicia, que levará a Lei de Demografía ao Parlamento, que agardamos que se aprobe este ano

Raquel Arias, natural de Sober (Lugo), tamén valorou unha posible reforma electoral. A deputada popular non considera que a proposta de reforma lanzada por Ciudadanos e Podemos sexa a adecuada.

O que propoñen Ciudadanos e Podemos é que o voto das cidades teña máis importancia que o rural e non estou nada de acordo con iso. (...) O que pensa un veciño de Sober non pode ser menos que o que di un de Madrid. Tamén considero que a formación que obteña máis votos debe gobernar. (...) A fórmula haberá que pensala, pode ser a través dunha segunda volta ou un plus

A deputada, e tamén secretaria da Mesa do Parlamento Galego, considera que é "fundamental abrir o Pazo do Hórreo á cidadanía" e destacou que "a Cámara está facendo nesta lexislatura un labor importante de confrontación de ideas dentro da concordia"

Cortes dos diferentes programas da RG
Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí