CRTVG

Buscar

Os almorzos

Suba salarial, diálogo social, reforma laboral, políticas de emprego...

14/06/2018 - 08:23 h

Jaime López, secretario xeral da Confederación de Empresarios de Lugo:
"Ten que haber crecemento salarial, pero alí onde se poida"

O representante dos empresarios de Lugo afirma que as empresas "do día a día de Lugo" aínda arrastran moitos problemas desde a crise e que moitas aínda non se recuperaron. Deste xeito, dubida da posibilidade de subir os soldos de forma xeral.

"Non podemos pensar que o empresario, per se, o que pretende é que os traballadores cobren pouco. Temos que buscar fórmulas para incrementar esa capacidade económica das familias e das persoas. Neste sentido, que mellor que incentivar o consumo co crecemento salarial? Pero crecemento salarial alí onde se pode".

"Falar de utopías, de situacións que logo realmente non se axustan á realidade... Hai moitas empresas neste país que aínda seguen en perdas. Non estamos falando das empresas do ÍBEX-35, estamos falando de empresas do día a día, das que nós representamos e defendemos. Que mellor para un empresario que aos seus traballadores lles vaia ben? Iso é unha evidencia".

"Temos que ter claro cal é a realidade das empresas españolas e das empresas galegas. As empresas neste país son empresas pequenas que moitas veces non teñen nin sequera a capacidade de poder afrontar un convenio de empresa, nin sería eficaz".

Jaime López tamén defendeu que as empresas aproveiten as normas fiscais para pagar menos impostos, preguntado pola polémica do xa ex-ministro Màxim Huerta.

Ramón Sarmiento, Secretario Xeral de Comisións Obreiras:
"As empresas producen o mesmo ca antes da crise, pero con 1,5 millóns menos de traballadores".

O responsable de Comisións Obreiras, Ramón Sarmiento, pide que o Goberno actúe con valentía para tumbar elementos centrais da reforma laboral, e que o faga se os sindicatos e os empresarios non dan chegado a un acordo.

Considera prioritario eliminar a posibilidade de que "o empresario faga unha modificación unilateral do marco individual e do marco colectivo das condicións de traballo". Tamén reclama urxente eliminar "que o convenio sectorial sexa prioritario sobre o convenio de empresa" ou tomar medidas na aplicación do contrato a tempo parcial, que cualifica como abusivo, precarizador e fonte de fraude, tanto para o empregado como para a Seguridade Social.

"Hai elementos centrais da reforma laboral que, se non é viable pactalos no ámbito bipartito, imos emprazar ao Goberno a que actúe unilateralmente dende a Administración, axudando, claro, a que se xere esa maioría parlamentaria".

E indicou que "a patronal, ata o de agora, xogaba con vantaxe, porque tiña un firme aliado no Goberno".

"Hai que facer máis que volver ao escenario previo á reforma laboral. Hai que formular na nosa normativa novas figuras, sobre todo no tocante á flexi-seguridade. Non temos ningún elemento que nos faga, con garantías de estabilidade, poder sacar o noso país desta posición na que estamos, que somos un país récord en precariedade e récord en temporalidade. Non hai ningunha causa económica nin tampouco ningunha eiva empresarial que nos diga que o noso país ten que ter un 25 por cento de temporalidade no mercado de traballo".

"Este país está hoxe producindo bens e servizos ao mesmo nivel que o ano 2008. Pero estao facendo cun millón e medio de traballadores menos. As empresas dispoñen de 37.000 millóns de beneficios superiores aos de 2008. E o ÍBEX reparte en dividendos 15.000 millóns de euros máis que no ano 2008".

"Mentres tanto, no mercado de traballo, a clase traballadora pobre é unha realidade que non coñeciamos hai unha década. Temos traballadores pobres. E temos xente nova que a metade non ten oportunidade nin dun bo nin dun mal emprego. O único que lles estamos ofrecendo é a posibilidade de desenvolver a súa alta capacidade formativa noutros países".

Sarmiento tamén criticou o tratamento fiscal do que gozan os empresarios, en comparación co que pagan os traballadores. "É indecente que os empresarios dispoñan dunha arquitectura de recadación fiscal que habilite que, de cada dez euros, vía empresarios só chegue un ao orzamento. Seguimos sendo os traballadores e os consumidores, a través do noso IVE, os que acehgan o 90 por cento dos recursos. Isto hai que ordenalo. O das SICAV hai que cuestionalo. O das empresas interpostas hai que cuestionalo. Os beneficios do capital teñen que achegar máis".



Cortes dos diferentes programas da RG
Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí