CRTVG

Buscar

Os almorzos

"Gustaríame ser alcalde da miña cidade e sacar Lugo da actual parálise"

28/05/2018 - 08:22 h

Ramón Carballo, presidente da Xunta Local do PP de Lugo e subdelegado do Goberno na provincia, di sentirse honrado de que se estea considerando a súa candidatura á alcaldía. Así e todo, matiza que aínda non toca falar do asunto e que, despois de 30 anos formando parte do PP, el está á disposición do partido e do seu proxecto.

Na entrevista dos 'Almorzos do Galicia por diante', Carballo anunciou a conformación dun comité asesor de expertos para elaborar un programa electoral. Subliñou o descontento co Goberno socialista lugués que, ao seu entender, reflicten as enquisas e afirma que o PP é a única alternativa á parálise en que ten sumida a cidade a alcaldesa, Lara Méndez. Pese a que a rexedora conseguiu aprobar os orzamentos municipais vinculándoos a unha cuestión de confianza, Carballo dubida do seu grao de execución.

Recoñece o presidente do PP contactos a nivel local coa agrupación Foro Lugo Independente de cara a unha posible integración de candidaturas, pero subliña que esta sempre debería pasar por sumarse ao proxecto popular sen ambicións persoais.

O subdelegado do Goberno en Lugo anunciou que este mes estarán concluídas as obras de reparación urxente do firme da estrada a Ourense e a que vertebra a Mariña, cun investimento de 2,8 millóns de euros e que a esas obras seguirán outras de arranxo integral de ambas as vías por importe de 6 millóns de euros.

O presidente do PP de Lugo amosa satisfacción pola aprobación dos Orzamentos xerais do Estado, que inclúen partidas que suman 53 millóns de euros para impulsar a construción das conexións por autovía da capital lucense con Ourense e Santiago ou a comunicación con Madrid en menos de catro horas.

Ramón Carballo cualificou de inapropiada a moción de censura anunciada polo PSOE contra o Goberno de Mariano Rajoy tras a sentenza do caso Gürtel. Acusa a Pedro Sánchez de querer chegar á presidencia sen pasar polas urnas e de buscar desestabilizar o país nun momento en que necesita da unidade das forzas democráticas.

Carballo non elude a autocrítica cando di sentir vergoña porque membros do seu partido se lucrasen ilicitamente e anima a traballar para que eses comportamentos non se repitan e poder manter a confianza dos cidadáns.

Cortes dos diferentes programas da RG
Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí