CRTVG

Buscar

Os almorzos

"Case a terceira parte dos cancros podemos evitalos con hábitos de vida saudables"

22/06/2018 - 08:24 h

O responsable do Servizo de Oncoloxía do CHUS, Rafael López, explicou nos 'Almorzos' do "Galicia por diante" que, en contra do que a xente pensa, a penas un 10% dos cancros son hereditarios.  Indicou que a maioría, case o 70%, están asociados ao envellecemento.

O azar e o desgaste da maquinaria humana propician a aparición de tumores. Sucede algo parecido cos coches. Os primeiros anos non adoitan dar problemas, pero, a medida que avanza o tempo, os achaques son máis frecuentes

Rafael López puxo o acento en que dous de cada tres cancros poden evitarse con hábitos de vida saudables. A obesidade, o alcol, pero, sobre todo, o tabaco, están detrás da aparición de moitos tumores.

Hai moita xente que aínda non é consciente dos danos que ocasiona o tabaco. Pregúntome como algunhas persoas seguen fumando na rúa ou, o que é peor, nos arredores de escolas e de hospitais. Onte mesmo pasei cerca dun colexio, un dos dos máis grandes de Santiago, e vin un grupo de adolescentes fumando. É unha vergoña

O convidado dos 'Almorzos' referiuse aos avances na investigación da biopsia líquida, que, segundo Rafael López, en poucos anos permitirá aumentar a supervivencia entre os enfermos de cancro de pulmón.

As solucións non chegan da noite para a mañá. Os avances chegan aos pouquiños. O cancro de pulmón é como unha torta. Pode haber solución para un 1%, para un 5%, pero os outros anaquiños vanse incorporando pouco a pouco. Este tipo de tumores, en fases avanzadas, terán un prognóstico aceptable en poucos anos

O xefe de Oncoloxía do CHUS explicou que os avances no cancro dependerán en gran medida do desenvolvemento de novos fármacos.

En Galicia estamos nun momento decisivo, con máis de 500 ensaios clínicos en marcha. Se prosperan 100 ou 200, a técnica da biopsia líquida rexistrará un pulo decisivo de aquí ao ano 2020

Rafael López dixo que, na actualidade, cerca do 60% dos cancros teñen cura e que o índice de supervivencia aumenta cada ano un 2%. Por outra parte, destacou que os profesionais da medicina valoran moito o recoñecemento que reciben de parte dos seus pacientes.

Na unidade de Oncoloxía do CHUS sentímolo moi de cerca. A satisfacción que nos produce o recoñecemento da sociedade fai que non sexamos tan reivindicativos como deberiamos. Os médicos españois somos os que menos cobramos de toda Europa

O xefe de Oncoloxía do CHUS admitiu o desexo de contar cun Centro de Referencia en Galicia, pero evitou pronunciarse acerca da súa posible localización.

O CHUS ten a vantaxe de estar no centro xeográfico de Galicia, de contar coa Facultade de Medicina, pero é aos políticos a quen lles corresponde tomar esa decisión

Cortes dos diferentes programas da RG
Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí