CRTVG

Buscar

Os almorzos

"Precísase unha PAC que garanta unha agricultura en mans dos labregos e labregas"

29/01/2018 - 08:21 h

A eurodeputada Lidia Senra, do grupo da Esquerda Unitaria Europea, criticaba esta mañá nos Almorzos do 'Galicia por diante' a posibilidade de que Bruxelas outorgue unha maior responsabilidade aos estados membros no deseño das políticas agrarias.

A renacionalización da política agraria común significará que os estados con máis diñeiro van dar un maior apoio ao rural. Xa o vemos no caso galego, cun grande abandono do campo. Isto favorecerá a competencia desleal dentro dos propios estados membros. Para nós é unha preocupación. Precísase unha Política Agraria Común (PAC) que garanta que a agricultura está en mans dos labregos e labregas, que a poboación recibe unha alimentación sa e de calidade, e que a produción contribúa co coidado do medio ambiente. Estas propostas existen e veñen de labregos e labregas de pequenas e medianas empresas, aínda que os gobernos están optando por apoiar a grande industria

Lidia Senra eleva a crítica sobre esa influencia dos lobbies empresariais en Bruxelas. Lamenta que a Comisión Europea faga caso ás grandes compañías co uso do glifosato, "sabendo que é un produto canceríxeno". Esa prioridade empresarial tamén a traslada a Galicia poñendo como exemplos a mina de Touro, as eólicas na Costa da Morte ou o transvasamento do río Verdugo.

Non me parece coherente intentar poñer un parche (co transvasamento) creando problemas noutras zonas, a outros cidadáns que teñen asentada a súa vida ao carón do caudal do río

Nesa mesma liña, a eurodeputada arremeteu contra a Lei de Fomento de Implantación Empresarial, impulsada pola Xunta, que, segundo Senra "coloca a nosa terra en mans das multinacionais rapidamente".

Ante unha Unión Europea "en mans das transnacionais", a solución que propón Senra a nivel europeo pasa pola "creación dun novo instrumento que estea ao servizo dos pobos e as clases traballadoras".

A maiores, a eurodeputada tamén destacou que a loita contra os incendios forestais en Galicia non só debe pasar por unhas boas políticas forestais, senón tamén agrarias. Sostén Lidia Senra que "un monte vivo é máis doado de apagar en caso de incendio".

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí