CRTVG

Buscar

Os almorzos

"Por mor da Seguridade Social, todo o produto que saques vai ser máis caro ca o doutros países"

30/05/2018 - 08:22 h

A presidenta do Círculo de Empresarios de Galicia, Patricia García, pide unha rebaixa fiscal para as empresas, especialmente nas cotizacións fixas da Seguridade Social. Ao seu entender, lastra as empresas españolas cando compiten con outras doutros países onde esas cotizacións ou non existen ou son moito menores.

Sería necesario baixar os impostos. Terían que estar máis vinculados a termos de produción, variable en termos de produción en canto ao ano, e non gravar tanto en termos de Seguridade Social, por exemplo. O que fai é que todo o produto que saques xa de por si vai ser moito máis caro ca outros produtos doutras empresas que producen noutros países. Moitas veces competimos en desigualdade de condicións

Veremos como pouco a pouco os salarios irán subindo. Temos un impedimento: non podemos esquecer que as empresas galegas competimos dentro do mercado global. Os impostos que pagamos a verdade é que son bastante elevados. Iso tamén fai minguar o diñeiro que se xera de maneira competitiva para que permita incrementar os salarios, pero máis quixeramos

Que máis quixeramos que subir soldos! As empresas, e dígoo tamén por min mesma, o que queremos é contratar. Non queremos despedir. Queremos que os nosos proxectos crezan. Son como os nosos fillos

Fixemos os deberes nos últimos tempos, no sentido de que somos moito máis eficientes porque a crise supúxonos ter que apertar o cinto: deixar de gastar en temas superficiais e dedicarnos ao noso negocio. Gústanos que os nosos traballadores estean felices nas empresas, que o seu salario non sexa unha preocupación, que poidamos implantar novas políticas de retribución, de saída social, de conciliación... Iso fai que un traballador sexa fiel á súa empresa

A presidenta do Círculo tamén defendeu a figura da Confederación de Empresarios de Galicia, a CEG, que leva varios anos en liortas internas e sen unha dirección clara.

A CEG naceu baixo o paraugas da negociación colectiva sectorial. Si ten sentido, porque vertebra esas negociacións e ten que haber unhas normas que lideren eses convenios colectivos. Terá que encontrar o seu camiño. A confederación... cantas máis entidades haxa, moito mellor para todos porque ao final é un reflexo de que a sociedade se aglutina e sae en ben común. Trátase de sumar, non de restar. Creo que somos entidades totalmente complementarias

Patricia García asumiu a presidencia do Círculo de Empresarios a semana pasada. Defendeu que as mulleres "vaian accedendo" a postos de responsabilidade.

As mulleres vímonos incorporando ao mercado laboral desde hai uns anos e pouco a pouco imos crecendo na escala, nesa estrutura empresarial, en postos de dirección e imos aflorando dunha maneira natural como representantes e como líderes en diversas institucións e organizacións e xa estamos vendo o reflexo desta realidade

Moito temos que traballar aínda, pero imos vindo e imos ocupando eses postos que, de maneira moi lóxica, en igualdade de condicións e en igualdade de competencias, debemos ir asumindo tamén as mulleres

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí