CRTVG

Buscar

Os almorzos

Pilar Cancela non aclara se Pedro Sánchez lle ofreceu o Ministerio de Agricultura e Pesca: "Pasopalabra"

20/06/2018 - 08:21 h

A deputada do PSdeG Pilar Cancela resta importancia á decisión do presidente Pedro Sánchez de non incorporala ao seu Executivo, malia ter formado parte do chamado "Goberno na sombra" en 2015.

Nos 'Almorzos' do "Galicia por diante" asegurou: "É unha honra que pensen en ti para formar parte do mesmo". Cando se lle preguntou se o presidente Sánchez lle ofreceu dirixir o Ministerio de Agricultura e Pesca, a deputada socialista apuntou: "As conversas que teño co presidente do Goberno non adoito comentalas. Eu vou contestar como se adoita contestar nun programa de televisión: pasopalabra".

Cancela afronta con optimismo a nova etapa que se abre co presidente Sánchez á fronte do Goberno e afirmou que defenderá dende o Congreso dos Deputados os intereses de Galicia. Cre que é un bo momento para volver abordar a continuidade de Ence na ría de Pontevedra ou para falar da supresión das peaxes da autoestrada AP-9. A Cancela parécelle "xusto e necesario" facelo, aínda que confesou que defenderá a posición que marque no seu momento a dirección do PSdeG. Así e todo, recoñece que a marxe de execución dos presupostos de 2018 é "ínfima", xa que as contas públicas non quedarán aprobadas definitivamente ata despois do verán. Segundo Cancela, "o verdadeiro reto é a elaboración dos presupostos para 2019, que imos empezar en setembro".

Cancela confía en que a ministra de Economía, a coruñesa Nadia Calviño, "terá unha sensibilidade especial con Galicia" e recoñece que a nosa comunidade "ten que ter un peso importante no sector da pesca". Cre que Màxim Huerta fixo ben dimitindo porque, "vendo como se estaba radicalizando a opinión pública, o sucedido facía dano á posta en marcha do Goberno". Con todo, pensa que o caso do titular de Agricultura e Pesca, Luis Planas, é diferente, malia estar imputado.

No PSOE temos un código ético claro: unha vez que se abra xuízo oral, tomaranse as decisións pertinentes

Cancela recoñece que se abre un momento "moi intenso para a política española". Asegura que "non hai que terlle medo á pluralidade e ao diálogo permanente", imprescindible para un Goberno con só 84 deputados. 

É bo para a democracia e para a organización interna do PP que por fin os militantes do Partido Popular teñan unhas primarias sen dirixir

Segundo Pilar Cancela, o PSdeG logrou por fin estabilizarse tras a elección de Gonzalo Caballero como secretario xeral. Lembra que a ela lle tocou desenvolver un complicado papel á fronte da xestora do Partido Socialista, pero non entra a considerar se se valorou na súa xusta medida o traballo que desenvolveu.

As análises en política non hai que facelas en clave persoal. Tocoume esa responsabilidade e agradezo ás persoas da xestora que me acompañaron naquela tarefa complexa

Aínda que recoñece que "posiblemente algunhas cousas se puideron facer dalgunha outra maneira, unha ten que ser consecuente coas cousas como as viviu". Malia todo, segundo Cancela, "sempre paga a pena".

Cortes dos diferentes programas da RG
Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí