CRTVG

Buscar

Os almorzos

Pedro Puy (PPdeG), Luís Villares (En Marea), Xaquín Fernández Leiceaga (PSdeG) e Ana Pontón (BNG)

02/10/2017 - 08:21 h
Pedro Puy (PPdeG), Luís Villares (En Marea), Xaquín Fernández Leiceaga (PSdeG) e Ana Pontón (BNG)

Ana Pontón [BNG]: "O Estado non pode seguir negando o dereito dun pobo"

A portavoz do BNG cre que o 1-O deixa a imaxe de milleiros de cidadáns opinando co seu dereito ao voto e dunha violencia "desmedida e inxustificable por parte do Estado español". Ana Pontón considera que o pobo de Cataluña falou de "maneira clara" e que non é xustificable a "cegueira do Estado" negando mesmo que houbese votación e que exista unha cidadanía activa. Segundo a líder do Bloque, na xornada de onte quedou de manifesto a nefasta xestión dun Goberno central "que viola dereitos fundamentais", dixo, e demostrouse que o debate sobre o modelo territorial segue sendo o talón de Aquiles da democracia.

Xoaquín Fernández Leiceaga [PSdeG-PSOE]: "O referendo non tivo garantías"

O voceiro parlamentario do PSdeG afirma que "non houbo referendo con garantías", polo que a folla de ruta do independentismo queda en dificultades. Xoaquín Fernández Leiceaga engade que, malia as condicións "extremadamente complicadas", houbo unha porcentaxe elevada de cidadáns que foi votar, o que esixe unha resposta política de diálogo para buscar un novo acomodo de Cataluña en España. Fernández Leiceaga sinalou que unha declaración unilateral de independencia sería un camiño sen volta atrás e criticou a "inacción do PP e de Mariano Rajoy" nos últimos cinco anos, nos que non soubo dar unha resposta política e só "responde con represión".   

Luís Villares [En Marea]: "O marco constitucional está superado"

O voceiro de En Marea, Luís Villares, asegurou na Radio Galega que o ocorrido onte en Cataluña demostra que o marco constitucional está superado. "A Constitución española non atende unha realidade social e política que cambiou", afirma Villares. "A Constitución  fundaméntase nun pacto social e ese pacto social onte vimos que está superado". O portavoz de En Marea no Parlamento galego denuncia a represión exercida onte polas forzas de seguridade en Cataluña: "Á xente pegáronlle malleiras por votar, non quería facer nada malo, só quería opinar, foise contra unha sociedade indefensa que ía armada cunha papeleta". Villares cre que o problema catalán non se pode solucionar co Código Penal, senón a través do diálogo político, e apunta que tralo ocorrido onte, "o PP está inhabilitado para xestionar esta situación política".

Pedro Puy [PPdeG]: "O Goberno fixo o que tiña que facer: poñerse á orde da autoridade xudicial"

O voceiro do PP de G no Parlamento, Pedro Puy, defende a actuación do Goberno e das forzas de seguridade en Cataluña. "O Goberno fixo o que tiña que facer: poñerse á orde da autoridade xudicial, que defende a legalidade". Puy cre que "independentemente de que algunha actuación concreta terá que ser analizada, fíxose o que mandaron os xuíces, e non debería estrañarnos porque era algo previsto e anunciado". O portavoz do PP no Parlamento de Galicia confesa que ten unha "sensación amarga porque non todos os días se ve como unha minoría intenta vulnerar pola forza a orde democrática" e lamenta a falta de unidade política. "Noutros momentos nos que a Constitución pasou por unha situación de crise importante, como o 23-F, todas as forzas políticas tiñan claro que facía falta unidade ante ela. En cambio agora hai xente que non só non está coa Constitución, senón que a dá por superada".

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí