CRTVG

Buscar

Os almorzos

Pedro Puy, voceiro do grupo parlamentario do PPdG

20/07/2017 - 09:26 h
Pedro Puy, voceiro do grupo parlamentario do PPdG

O voceiro parlamentario do PPdeG explicou na entrevista dos Almorzos da Radio Galega que lle gustaría que o Estado fose máis receptivo a algunhas demandas de Galicia, como pode ser o traspaso de competencias da autoestrada do Atlántico aprobado por unanimidade no Parlamento galego. 

Sobre o veto do ministerio de Fomento a que se discuta sobre esa transferencia e o cambio de criterio dos populares en Galicia e en Madrid, Pedro Puy explicou que "o ámbito autonómico abre discrepancias no seos dos partidos entre a súa comunidade e o Congreso". Considera que "é normal que existan discrepancias no ámbito competencial porque en cada ámbito defenden intereses diferentes"

O deputado do PPdeG lembrou que nos últimos anos foron moi escasos os traspasos de competencias do Estado ás comunidades porque, engadiu, "o fundamental das competencias xa están transferidas". Neste sentido, Pedro Puy apuntou que "se a principal reivindicación de Galicia é a transferencia da AP-9, iso significa que o autogoberno está moi desenvolvido". Finalmente, considerou que a situación política en Cataluña dificulta a petición de Galicia sobre a AP-9.

Pedro Puy tamén se referiu á petición rexistrada onte polo PSOE para que se abra unha comisión de investigación no Congreso dos Deputados sobre o accidente de tren de Angrois en 2013. O parlamentario do PPdeG lembrou que o seu partido "leva moito tempo demandando que se abra unha investigación técnica, pero a oposición no Parlamento galego non a apoiou porque pedía máis". Segundo Puy, a cámara galega carece de capacidade real de investigación xa que os "altos cargos que terían que dar explicacións responden ante o Estado, non ante os parlamentos autonómicos".

Pedro Puy cre que o Congreso é onde se debe decidir se se investiga máis ou non, pero en todo caso, afirmou que "cando hai investigacion xudicial en marcha, o poder lexislativo debería agardar a que esta remate".

Concluído o primeiro período de sesións da lexislatura na Cámara galega, Pedro Puy fai un balance positivo. Di que se caracterizou "pola estabilidade do Goberno  fronte aos debates internos dos grupos da oposición en busca do seu liderado".

Destacou o voceiro popular o próximo pleno para a aprobación do teito de gasto, que agarda que sexa máis elevado froito de que aumentou a recadación do Estado en Galicia. Segundo Pedro Puy, o obxectivo é "poder gastar un pouco máis para que superada a crise a nivel económico, iso se traduza tamén a nivel social, onde a crise aínda non rematou".

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí