CRTVG

Buscar

Os almorzos

"Paula Quinteiro debe dimitir porque, se lle ocorrese a un deputado do PP, tamén llo esixiriamos"

04/04/2018 - 08:25 h

Paula Vázquez Verao ten claro que a súa compañeira de grupo parlamentario Paula Quinteiro debe dimitir, despois do incidente que protagonizou coa Policía Local de Santiago hai unhas semanas.

Penso que debería dimitir. Pode ser que sexa inxusto para ela, pero ás veces hai que decidir entre o que esixe a cidadanía e situacións que escapan ao noso control. Empatizo coa súa situación persoal, sei que estivo sobreexposta nos medios nos últimos días e sei que o pasou mal, pero hai que facer o que lles esiximos aos demais. Se isto mesmo lle ocorrese ao PP, esixiriamos a dimisión

Vázquez Verao insiste en que a decisión de dimitir depende de Paula Quinteiro.

Ela é responsable dela mesma; sabe o que debe facer. A xente da base coa que falei di que non merecemos isto, trasládame que temos que ser esixentes, estar á altura e ser unha alternativa ao PP

Nos 'Almorzos' da Radio Galega, Paula Vázquez Verao tamén valorou os Orzamentos Xerais do Estado e sentenciou que "non estamos satisfeitos".

A nivel xeral de todo o que se inviste en Galicia un 50 por cento é para o AVE, pero necesitamos máis conexións internas e arranxar os problemas das infraestruturas. A nivel social tampouco son os orzamentos que queremos. Ademais, cómpre falar de execución, porque nos últimos anos roza o 60 por cento, é dicir, estas contas son contos da leiteira. Sería bo que se puxesen sobre a mesa os 2.400 millóns de euros que se deixaron de executar, e aí empezamos a falar

Sobre a anunciada suba das pensións, Vázquez Verao di que "non deixan de ser migallas".

E non se trata de subir migallas, senón de actualizar as pensións conforme ao IPC e que teñamos pensións dignas. Hai que facer reformas de calado, derrogar as reformas laborais, eliminar beneficios para as pensións privadas... Hai que facer unha reforma xeral do sistema para garantir pensións dignas, non migallas

E unha última reflexión sobre as posibles tensións dentro de En Marea.

O grupo parlamentario débese ás persoas inscritas. Non se debe mirar de quen é cada un; todos somos escollidos polas bases e as bases teñen lexitimidade de decidir todo o que compete a En Marea

Engade Vázquez Verao que "estou cómoda en En Marea porque garante que as decisións as toman as bases, a maioría. As bases son as que deben ser leais a Villares, non Podemos".

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí