CRTVG

Buscar

Os almorzos

"O PP ten claro o modelo de financiamento que necesita Galicia, pero aínda non está cuantificado"

19/01/2018 - 08:22 h

Paula Prado dixo nos Almorzos da Radio Galega que "o novo modelo de financiamento autonómico debe cubrir servizos públicos e pensar nas persoas, non onde viven. Así, o Goberno galego reivindica que se teñan en conta peculiaridades como o avellentamento ou a dispersión da poboación". Prado rexeita as críticas da oposición que din que o presidente da Xunta non ten unha proposta clara na negociación do novo sistema de financiamento. Afirma que "o PP ten claro o modelo de financiamento que necesita Galicia e tamén que o actual sistema non cobre os obxectivos porque non atende as especificidades de Galicia", pero Prado non dá unha cifra de canto vai reivindicar Galicia nesa negociación porque "aínda non está cuantificado canto se necesita. O Parlamento nomeou un experto para facer esa conta e está traballando. Por outra banda, aínda non se convocou a II Conferencia de Presidentes, na que se porán os datos sobre a mesa".

Outro asunto moi criticado polos grupos da oposición é a reforma sanitaria que pretende aprobar o PP nos próximos meses. Paula Prado asegura que "a oposición ten unha teima coas privatizacións. Levan vinte anos denunciando iso e o desmantelamento da sanidade pública, e ningunha das dúas cousas é certa". Sobre a fórmula de colaboración público-privada que escolleu a Xunta para realizar as obras do Hospital Álvaro Cunqueiro, di que "é un xeito de facer obras en tempo de crise; non ten máis importancia, e é unha fórmula que usan todos os partidos"; e sobre os colapsos rexistrados nas últimas semanas nos hospitais explica que "os colapsos hainos na pública e na privada. A Xunta traballa para que a sanidade teña máis recursos e máis persoal, pero eses colapsos obedecen a picos da gripe normais".

A vicevoceira do grupo parlamentario popular falou tamén de infraestruturas. Sobre o AVE dixo que "confío en que chegue a Galicia en 2019, tal e como di o Goberno central. Sería magnífico ter AVE para o próximo Xacobeo". E sobre a petición de transferencia da AP-9, "cremos que a xestión da autoestrada melloraría se se fixese dende aquí e por iso seguiremos pelexando pola transferencia. Ata agora non foi posible, pero tamén quero lembrar que Feijóo fixo xestións para aforrar 400 millóns de euros".

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí