CRTVG

Buscar

Os almorzos

Patricio Sánchez, subdirector do Foro Económico de Galicia

21/09/2017 - 08:20 h
Patricio Sánchez, subdirector do Foro Económico de Galicia

O subdirector do Foro Económico de Galicia, Patricio Sánchez, recalcaba esta mañá no 'Galicia por diante' que agora, que estamos saíndo da crise, cómpre repensar a situación actual. Os distintos axentes -dicía- deben avaliar que "aprendemos" destes anos, "cara a onde hai que ir", e propoñer medidas novas para afianzar a recuperación.

Patricio Sánchez destacou que o Produto Interior Bruto galego recuperou niveis de antes da crise, pero non así o mercado laboral, que tardará tempo aínda -asegurou- en coller folgos. Cómpre, segundo dixo, dar un salto para mellorar a calidade do emprego. É o momento tamén -asegurou- de subir salarios, "se non é de maneira xeneralizada, si selectiva", para incrementar o consumo.

Chamou tamén a atención sobre a caída "moi relevante" da poboación activa nova, os mozos de entre 25 e 34 anos. Patricio Sánchez apuntaba dúas causas: o comportamento demográfico en Galicia, cunha poboación cada vez máis envellecida, e a emigración da xente nova cara a outros países na procura de emprego, que cualificou de "auténtico problema"

O subdirector do Foro Económico de Galicia recalcou tamén que o mercado internacional, as exportacións, son as que están sustentando o crecemento da economía galega, pero avisaba de que para seguir medrando "a preocupación tería que ser o mercado interior" porque no consumo privado as cifras "non son tan boas".

En canto ao turismo, avogou por unha política clara, que se centre na calidade, en lograr incrementar o gasto por visitante e aumentar a presenza do turismo internacional.

Patricio Sánchez trasladou tamén a súa preocupación porque a situación política en Cataluña non deixa ver certos problemas e dificultades económicas que se deberían estar debatendo.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí