CRTVG

Buscar

Os almorzos

Pablo Arangüena: "Non creo que haxa un candidato mellor que Caballero á presidencia da Xunta de Galicia"

10/11/2017 - 08:22 h
Pablo Arangüena:

O vicesecretario xeral dos socialistas galegos cre que Gonzalo Caballero debería ser o candidato do PS de G á Xunta de Galicia. Nos Almorzos do 'Galicia por diante', o novo home forte do PS de G, Pablo  Arangüena, destaca a traxectoria profesional do actual líder do partido: "El é un tipo sobresaínte fóra da política. Non é unha esaxeración. Que veña alguén de fóra da política á política con ese currículo, como di Lola Villarino, é un luxo. Non creo que haxa un candidato mellor á presidencia da Xunta de Galicia".

Arangüena confía en que o partido saia renovado e rexenerado tras o proceso de primarias, que arranca o 3 de decembro nas direccións provinciais de Lugo e Pontevedra. En Lugo formalízase este mediodía a terceira candidatura. En Pontevedra hai dúas. Na Coruña aínda non hai data para a celebración do congreso provincial.

Preguntado sobre a posibilidade de facerse coas rendas do partido, Arangüena recoñece: "Non pensei no tema. Non desboto esa situación nun futuro, pero neste momento non é unha posibilidade que baralle".

O vicesecretario xeral do PSdeG tamén se referiu ao caso de Ourense. En vésperas de que a dirección provincial anuncie a data do congreso, Pablo Arangüena considera inevitable que se acabe nomeando unha xestora tras a dimisión de máis da metade dos membros da actual executiva. O ocorrido en Ourense "forma parte das dinámicas do proceso", asegura. "Dimitiron algúns membros e isto pode propiciar o posible nomeamento dunha xestora". Con todo, Arangüena considera que o asunto se vai "esgotar moi pronto" e que ao final será a militancia quen decida o resultado nas urnas.

Pablo Arangüena cre que a contundencia coa que Gonzalo Caballero gañou as primarias lle dá unha "lexitimidade reforzada" á hora de coser o partido. Non teme as correntes críticas, cre que "a crítica queda temporalmente aprazada porque a vitoria foi contundente" e soña cun PSdeG "renovado e rexenerado, e con poder transmitirlles aos que deixaron de votar en 2009 que estamos ante un PSdeG novo, con novos referentes persoais e ideolóxicos"

Pensa Arangüena que son "entendibles" os acordos puntuais existentes nalgúns concellos entre o PS de G e as mareas para "garantir a gobernabilidade" e porque "hai máis sintonía entre o PS de G e a Marea que entre o PSdeG e o Partido Popular".

Defende, ademais, a posibilidade de darlles unha segunda oportunidade a aqueles políticos que se apartaron temporalmente do cargo ao verse envoltos en procesos xudiciais e que logo foron absoltos polos tribunais. Nestes casos, segundo Arangüena, "isto pode permitirlles volveren coa cabeza ben alta á política".

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí