CRTVG

Buscar

Os almorzos

"Os socialistas non estamos xestionando ben o día despois das primarias"

12/04/2018 - 08:26 h

Sánchez Bugallo retirouse da primeira liña política en 2014 e di que "non me arrepinto; hai un tempo para cada cousa. Entendín que acabara unha etapa. Era o que tocaba porque hai unha remuda xeracional e un cambio de filosofía nas novas xeracións. Eu teño o meu xeito de facer as cousas e é difícil cambiar. Agora o enfoque que hai dos temas é outro". Pero, malia non estar na política activa, o que fora alcalde de Santiago explicou nos 'Almorzos' da Radio Galega que "para min é imposible permanecer indiferente ante o que está pasando. Preocúpame o meu país, a miña comunidade, a miña cidade e logo o PSOE".

Sobre o Partido Socialista, Sánchez Bugallo di: "Estou preocupado por moitas cousas, pero non é tarde para solucionalas. Por exemplo, os procesos de primarias. É un procedemento democrático, pero o día das votacións debería acabar e recompoñer as cousas. Creo que non fomos quen de xestionar o día despois das primarias, e refírome ás primarias en todos os niveis, e ese paso debe dalo quen gañou, que é o máis forte. Debe esforzarse por integrar, non prescindir de ninguén porque todos son necesarios e porque a cidadanía non o entende". Neste senso, Bugallo advirte sobre como se senten algúns socialistas máis veteranos. "O PSOE é un partido interxeracional e non se poden perder referencias para os maiores por querer captar os novos. A dirección actual ten a oportunidade de reconducir a situación, se é consciente de que ten esa dificultade". No caso concreto do secretario xeral dos socialistas galegos, Gonzalo Caballero, "hai que darlle tempo. Cando vexamos as candidaturas para as municipais, veremos se a través dos feitos mandamos a mensaxe de que todos temos cabida no partido, que hai referencias para todas as idades".

Bugallo reflexiona tamén sobre Santiago, a cidade da que foi alcalde ata 2011. Desmente que se vaia presentar ás primarias para optar á alcaldía o ano que vén. "Non sei que vai pasar, que decidirá o partido sobre o candidato, pero en principio eu non estou niso. Escoito máis voces fóra do socialismo que piden o meu regreso; dentro tamén hai algunhas". Engade Bugallo que "gozo moito desta cidade, pero lémbrame unha enorme beleza decadente. Aquí non vexo forza como na Coruña ou Vigo. Nesas cidades hai unha fortaleza social e económica que é quen de paliar outros déficits, pero en Santiago non. Santiago necesita ter á fronte un equipo de xente ambicioso que supla as carencias da cidade. Necesita un revulsivo, ter un obxectivo como cidade". Bugallo cualifica ao actual alcalde de Compostela Aberta "con menos dun cinco".

Cortes dos diferentes programas da RG
Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí