CRTVG

Buscar

Os almorzos

"Os pequenos accionistas de Pescanova non contan con que o proceso xudicial se peche antes de 3 ou 4 anos"

16/06/2018 - 08:21 h

Nunha entrevista na Radio Galega, o avogado que representa a 200 afectados amósase confiado en que os investidores poidan recuperar unha parte sustancial dos seus cartos: 'este non é coma outros casos nos que o diñeiro non apareceu'.

Joaquín Yvancos, avogado que representa a unha plataforma de 200 afectados polo caso Pescanova considera un ´fito importante´ o auto dictado esta semana pola Audiencia Nacional pechando máis de 5 anos de instrucción. En todo caso, non cre que poida haber unha primeira sentenza antes de 2 anos. Calcula que a vista oral podería desenvolverse entre finais de 2019 e primeiros de 2020 e logo entre o tempo que haberá que agardar polo fallo e os posteriores recursos ´ímonos a 2022. Estamos aínda a 3 ou 4 anos do final´, asegura.

Nunha entrevista na Radio Galega, Yvancos amosábase confiado en que os investidores poidan recuperar unha parte sustancial dos seus cartos. Dixo que ´este non é coma outros casos nos que o diñeiro non apareceu´. Sinala os embargos a Fernández de Sousa e a súa muller e pon o foco tamén na auditora: ´BDO é a cuarta auditora do mundo. Ten que responder por 300 millóns. E sí, ten unha compañía de seguros e porán un parte e senon obrigaríalle a BDO a sair de España e deixar colgados ós seus socios´. Nesa liña, o avogado insiste en que ´poñamos que pode haber entre bens e activos máis de 100 millóns de euros e non esquezamos que os accionistas que reclamaron, que están neste proceso representan 161 millóns´.

Cortes dos diferentes programas da RG
Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí