CRTVG

Buscar

Os almorzos

Ferreres: "A independencia non ten marcha atrás"; Domingo: "Os maiores prexudicados somos os cataláns"

05/10/2017 - 08:23 h
Ferreres:

Societat Civil Catalana confía en que a Generalitat entre en razón e non se declare a independencia en Cataluña. O seu vicepresidente, José Domingo, dixo nos Almorzos do 'Galicia por diante' que o Goberno catalán debe volver á senda constitucional para "rebaixar a tensión que sufrimos os cataláns". Con todo, teme o peor trala declaración institucional de onte de Carles Puigdemont e aventura un escenario de "confrontación e de ruptura total co ordenamento constitucional"

Sobre as voces que piden unha mediación, o vicepresidente de Societat Civil Catalana di que, para mediar, ten que haber unha condición previa: "cumprir o ordenamento xurídico". Segundo recalcou, "pódese falar de todo, sempre que se respecten a lei e a convivencia". José Domingo rexeitou unha mediación internacional, porque para iso -di- ten que haber un conflito entre estados.

Domingo destacou que o propio ordenamento xurídico ten vías para establecer a solución ao conflito, e referiuse neste sentido ao artigo 155 da Constitución. Dixo que a súa aplicación non é inmediata, que primeiro ten que haber un requirimento por parte do Goberno ás autoridades catalás para que volvan cumprir a lei.

O vicepresidente de Societat Civil Catalana falou ademais da mobilización que convocou para este domingo en Barcelona en defensa da democracia e a liberdade. Está seguro de que se "fará visible masivamente" que hai moita xente en Cataluña "que non estamos a favor da independencia". Asegurou que os maiores prexudicados están sendo os propios cataláns, que están soportando moita tensión "pola insensatez do Goberno catalán, que entrou nunha deriva golpista".

A Assamblea Nacional Catalana está convencida de que o luns se declarará a independencia de Cataluña. A secretaria nacional desta organización reclama a mediación internacional para que o proceso se faga con todas as garantías. "Queremos a mediación internacional para que se faga da mellor maneira debido á violencia das forzas de seguridade  -asegurou Francesca Ferreras nos Almorzos do 'Galicia por diante'-.  Queremos facer as cousas de forma correcta e a mediación internacional pódenos axudar".

Ferreras afirma que a independencia non ten marcha atrás "porque o sentimento da xente non o imos cambiar" e asegura que os independentistas están medrando "polo traballo que fai o Goberno central". A secretaria nacional da Assamblea Nacional Catalana engade que ninguén lles deu ningún argumento para quedaren en España: "Gustaríame saber por que teño que votar non. Só me falan da Constitución e das leis do Goberno central. Se non nos dan unha argumentación, non vai haber marcha atrás".

Francesca Ferreras afirma que as leis deben cambiar, xa que "non se pode desoír unha chamada que reclama gran parte da sociedade civil catalá" e denuncia a violencia exercida polas forzas de seguridade o domingo en Cataluña: "O domingo a xente estaba con tranquilidade diante dos colexios. Sabiamos que iamos ter problemas para entrar. Por iso a xente decidiu ocupalos o día anterior. Sobre as nove e media empezaron a chegar imaxes bestiais da policía cargando contra xente normal na rúa -maiores, estudantes...- cunha violencia que había moito tempo que non viviamos. Foi fóra de lugar. A xente o único que quería era votar dentro dun referendo e poñer a papeleta dentro dunha urna. Non esperabamos esa violencia".    

A secretaria nacional de ANC afirma que tentaron facer o referendo coas máximas garantías posibles: "Fíxose con todas as garantías que nos deixaron  -aclara- . Gustaríanos ter máis, pero ir votar e levar paus da Policía Nacional... non é cuestión de garantías, é de dereitos humanos".

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí