CRTVG

Buscar

Os almorzos

"O xacobeo é unha bóla de neve que empeza a caer montaña abaixo e a cada paso crece máis"

23/03/2018 - 08:22 h

O inventor do xacobeo, o ex-conselleiro de Cultura Víctor Manuel Vázquez Portomeñe, ve con optimismo a preparación do próximo ano santo. Nos 'Almorzos' do 'Galicia por diante', o que fora conselleiro durante doce anos con Manuel Fraga repasou como puxeron en marcha o Xacobeo 93, o primeiro ano santo que contou cun programa de difusión turística cultural. O primeiro esbozo fíxoo nunha taberna de Santiago nuns panos de papel: "Estaba eu a principios do ano 90 nunha taberna de Santiago, cunha xerra de ribeiro diante, rodeado de vasos e de cinco ou seis colaboradores meus. Andalucía preparaba a Expo, Cataluña os Xogos Olímpicos, e entón eu acordeime que o 93 era Ano Santo. Pensei que, ao ser Santiago a meta do Camiño, había que resucitar os valores e sacalos en beneficio dos galegos".

Aquelas ideas anotounas nuns panos de papel que despois entregou aos seus colaboradores. "Isto que anotei aquí dádesmo o luns", díxolles. Así foi como naceu o primeiro programa do Xacobeo, aprobado por unanimidade no Parlamento de Galicia.  Hoxe, case trinta anos despois, Portomeñe aínda conserva aqueles panos.

O autor do primeiro programa de dinamización turística e cultural dun ano santo compostelán asegura que o Xacobeo "é unha bóla de neve que empeza a caer montaña abaixo e que a cada paso crece máis". Ve con optimismo o Xacobeo 2021 e cre que está sendo ben xestionado polos actuais mandatarios, aínda que matiza que "aínda que a xestión fose deficitaria, o Xacobeo sería algo que crecería ao longo dos anos, a pouco que se lle preste atención".

Coincidindo co nomeamento do rei Xoán Carlos como embaixador de honra do Camiño de Santiago, Portomeñe salienta o "apoio inequívoco" amosado pola monarquía española a este programa. Lembrou que no ano 93 se abrira cunha peregrinación en barco do hoxe Rei emérito pola ría da Arousa e que o daquela príncipe e actual monarca -Filipe VI- fora a alma mater do congreso xacobeo celebrado en Roncesvalles coa presenza das once comunidades autónomas do norte, que fixeron unha peregrinación simbólica, presidida polo príncipe, que colocou Galicia e o Camiño de Santiago no mapa europeo.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí