CRTVG

Buscar

Os almorzos

"O que está ocorrendo en Cataluña non ten nada que ver con cambiar a Constitución"

13/10/2017 - 08:21 h

O ex-ministro socialista José Luis Corcuera asegura nos Almorzos do 'Galicia por diante' que non se pode limitar a situación en Cataluña a unha reforma da Constitución. É un problema "gravísimo" que -dixo- ten máis que ver con saltar a lei. Trátase -asegurou- "dun golpe de Estado, ou polo menos dun intento".

Corcuera traslada o seu apoio ao Goberno central porque "é moito o que xogamos en España". Cre que o Executivo de Mariano Rajoy está actuando con máxima prudencia e con firmeza na defensa da Constitución e do estado de dereito. Cre que os últimos pasos dados, co requirimento feito polo Goberno a Puigdemont, van na boa dirección, pero dubida que o presidente de Cataluña "diga si ao que dixo si no Parlamento".

José Luis Corcuera, que se deu de baixa no PSOE hai uns meses en desacordo con Pedro Sánchez, felicítase de que os socialistas apoien ao Executivo. Sobre o acordo alcanzado para emprender unha reforma da Constitución en seis meses, "non me parece mal" -dixo- "sempre que se respecte a opinión de todo o mundo" e sempre "que a apoie o pobo español"

Lembraba Corcuera que os procesos de reforma da Constitución están na propia Carta Magna e son "moi complicados". O ex-ministro reflexionaba: "Se o PSOE foi un actor principal da Constitución do 78, a non ser que cambiase, digo eu que moitas cousas non haberá que cambiar".

O ex-ministro socialista amósase en desacordo cos que defenden que España é unha nación de nacións. España -dixo- é unha nación, con autonomías, cunhas nacionalidades que "deben ser respectadas na súa cultura e na súa lingua, e con grande autogoberno".

Corcuera referiuse tamén á súa decisión de darse de baixa como militante do PSOE. Cre que Pedro Sánchez non ten as actitudes que debe ter un secretario xeral, "porque creo que non ten as raíces que tiveron ata agora os secretarios xerais do partido".

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí