CRTVG

Buscar

Os almorzos

"O presidente dos empresarios ten que ter opinións persoais coa súa muller e cos fillos, pero non na prensa"

07/02/2018 - 08:27 h

Unha vez que o presidente da Confederación de Empresarios de Galicia, Antón Arias, deixou o cargo, o coruñés Antonio Fontenla volveu situarse á fronte da organización, aínda que só de xeito temporal e interino, cumprindo o que marcan os estatutos, xa que para o 10 de maio haberá novas eleccións.

Arias díxomo o mesmo día, antes do comité executivo en que presentou a súa dimisión: "Quero dicirche, o primeiro de todos, que quero presentar a miña dimisión. É moita tensión a que teño; non podo seguir, xa que estes non queren, e eu creo que é o mellor para que isto poida buscar outros rumbos". Eu non estaba de acordo con el, pero, cando un amigo che di que se quere ir porque non está cómodo, pois non lle vas pedir que quede

Chegou un momento no que Arias estaba moi incómodo. Este é un cargo practicamente honorífico que ten moito traballo, ten moito desgaste. Se, por riba, non cho agradecen, pois dis: Eu que fago aquí?

Fontenla criticou que Arias expresase publicamente nunha entrevista na Radio Galega as súas opinións contrarias á reforma laboral por crear moito emprego lixo e tamén que pedise un referendo consensuado en Cataluña.

Creo que foi un exceso de confianza ou que quixo demostrar cal era a súa postura. Eu díxenlle que non podía dar opinións persoais. O presidente da CEG ten que ter opinións persoais coa súa muller e cos fillos, pero na prensa non podes dar as túas opinións persoais

O presidente da comisión xestora da CEG tamén criticou os clubs financeiros nos que, ultimamente, se agrupan moitos empresarios e profesionais, por exemplo na Coruña, Santiago ou Vigo.

Eu non quero facer comparacións. Nós estamos na Constitución. Somos a asociación empresarial recoñecida por lei na Xunta de Galicia. O demais son uns clubs... Son uns sitios agradables para reunirse. Tamén nestes momentos as confederacións temos tantas instalacións e tan boas. O que non damos son comidas. Creo que cada un debe dedicarse ao que ten que dedicarse

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí