CRTVG

Buscar

Os almorzos

"O peso da sanidade nos orzamentos da Xunta pasou dun 35% en 2008 a case un 41% na actualidade e hai 1.500 profesionais máis"

02/02/2018 - 08:14 h

Mellorar a xestión e achegar os servizos ao cidadán a través da atención primaria, sen que teña que facer desprazamentos. Ese é o obxectivo, segundo o conselleiro de Sanidade, da nova Lei de saúde.

Jesús Vázquez Almuíña asegurou tamén nos 'Almorzos' da Radio Galega, no 'Galicia por diante', que non se van pechar áreas sanitarias e que se trata de "adecuar un modelo de coordinación entre a Primaria e a especializada".

Preguntado polas críticas da plataforma SOS Sanidade Pública, que convocou unha manifestación para este domingo, o conselleiro dixo que non "hai listas de espera nin privatización nin colapso".

Investimentos e listas
O conselleiro apuntou que a "Xunta inviste cada vez máis" na sanidade pública e lembrou que dende o 2008 "pasamos dun 35 por cento a un 40'7 na actualidade".

Vázquez Almuíña tamén dixo que as listas de espera diminuíron e nestes momentos Galicia "ten o mellor rexistro, co 66'4 por cento". O titular de Sanidade dixo que "somos a cuarta autonomía con mellor lista de espera cirúrxica".

Recoñeceu que hai que mellorar a actuación cos pacientes con patoloxías graves e anunciou a creación "dun certificado individual para tratar os doentes con estas enfermidades".

Persoal e pico de gripe
Sobre a falta de persoal e recursos humanos sinalou que sempre ten que haber "unha porcentaxe de eventualidade laboral porque hai que adaptarse á demanda". De todos xeitos, dixo que o Goberno Galego continuará coas OPE anuais para conseguir máis estabilidade. Precisamente falou dun aumento das contratacións por mor da gripe deste ano e afirmou que "non houbo colapso porque o sistema funcionou, pero si houbo unha resposta máis lenta que no resto do ano". Jesús Vázquez Almuíña apuntou que nesta ocasión "se incrementaron as camas e houbo a maiores 415 máis".

Melloras no Sergas
O conselleiro recoñece tamén que hai que evolucionar e facer algunhas modificacións na atención ao paciente crónico. Neste sentido anunciou un incremento dos coidados e a potenciación do papel de enfermería.

O conselleiro matizou que a nosa comunidade ten unha "sanidade de gran calidade e uns profesionais, 38.000, que realizan un magnífico labor" e sinalou que a xestión sanitaria e a mellora da atención é unha prioridade para a Xunta.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí