CRTVG

Buscar

Os almorzos

"O monte ten que ser un asunto de estado para Galicia"

10/05/2018 - 08:22 h

A Xunta achegará oito millóns de euros para axudar os concellos a limpar as faixas perimetrais das zonas habitadas. Avanzouno na Radio Galega o presidente da FEGAMP.  Nos Almorzos do Galicia por Diante, Alfredo García explicou que serán técnicos de Seaga os que colaboren cos gobernos locais para rozar estas faixas de seguridade forestal nos 30.000 núcleos de poboación que existen en Galicia.    "A Xunta, por primeira vez, vai poñer cartos para rozar as parcelas -explica Alfredo García-. Este é xa un avance significativo. Este ano vai poñer cartos só a Xunta. Estamos a falar probablemente de 8 millóns de euros e os traballos vainos facer este ano Seaga, unha empresa pública".

O presidente da FEGAMP indicaba que no convenio se establecerán os criterios que se van seguir para a limpeza destas faixas de seguridade.

"Haberá criterios relacionados coa perigosidade -dicía-. Hai datos suficientes para saber que aldeas son de nivel 1, de nivel grave, onde vai haber lumes si ou si;  aí será onde haxa que limpar".

O presidente da FEGAMP salienta a importancia deste acordo, xa que, ao seu xuízo, será imposible que os trinta mil núcleos de poboación que existen en Galicia teñan rozadas antes do 31 deste mes estas faixas de seguridade forestal, tal e como ordena a Xunta de Galicia. García lembraba que o principal problema é saber quen son os propietarios destas leiras e como localizalos. Os infractores expoñense a multas de ata tres mil euros. Alfredo García defende a necesidade de facer un plan forestal sostible regulado e ordenado que sexa consensuado por todas as forzas políticas. Ao seu xuízo, "o monte ten que ser un tema de estado para Galicia".

Na entrevista, o presidente da FEGAMP indicaba que dentro de dous meses podería estar pechado o Pacto da auga coa Xunta de Galicia."Parte dun feito: a auga non é gratis, custa levala ás billas das casas e ese custe hai que repercutilo nos cidadáns". O convenio ten por obxectivo unificar tarifas e estándares de calidade en todos os concellos e incrementar as partidas destinadas ao saneamento e depuración de augas. Serán asumidas pola Xunta, as Deputacións e os concellos. Segundo Alfredo García, "vanse contratar dúas empresas para facer dous traballos: determinar cales deberían ser as taxas auga en Galicia establecendo un máximo e un mínimo; e por outra banda haberá que determinar de forma inequívoca cales deben ser os estándares de calidade".

García lembra que moitos concellos galegos non cobran taxa de auga porque dispoñen de recursos suficientes nos seus orzamentos. Nestes casos, engade, non ten sentido que Augas de Galicia sexa a única que asuma o custe de saneamento e abastecemento da auga. "O que queremos é aumentar as partidas participando todos na cofinanzacion das obras: Augas de Galicia, as Deputacións e os concellos".

A achega dos concellos situarase arredor dun 15 por cento de máximo, aínda que os que teñen menos recursos poñerán menos.

Dentro de dous meses serán xestionados polo Sergas os centros de saúde situados en 18 concellos galegos. Indicábao nos Almorzos do Galicia por Diante o presidente da FEGAMP. Outros 105 serán absorbidos antes de que remate o ano. "Onte a FEGAMP mandoulles unha folla para que a cubran e entreguen documentación no Sergas para seren absorbidos tamén. Esperamos que a maioría destes 105 centros poidan ser absorvidos antes do 31 de decembro", explicaba García. Ao seu xuízo, "é un salto impresionante e será o maior logro,  xunto co pacto da auga, desta lexislatura".

Ademais, o presidente da FEGAMP anunciaba que entre mañá e o luns convocará os responsables das catro deputacións para pedirlles que colaboren cos concellos para aplicar a Lei de benestar animal da Xunta, en vigor dende xaneiro, que suporá un desembolso de entre 50.000 e 200.000 euros para os municipios. Entre as novidades que introduce figura o sacrificio cero e a obriga de atender os animais abandonados. Segundo García, "esa modificación da lei supón custos para os concellos que temos que debater. Eu creo que teñen que entrar as Deputacións na prestación dese servizo. A ver se somos quen de resolvelo no que queda de lexislatura".

Cortes dos diferentes programas da RG
Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí