CRTVG

Buscar

Os almorzos

"O ministro non falou de alta velocidade para Lugo nin aparece nada nos orzamentos do Estado"

08/05/2018 - 08:23 h

O voceiro parlamentario do PSdeG, Xoaquín Fernández Leiceaga, di, ante os anuncios feitos polo ministro de Fomento, que "cantos máis anuncios, menos realidades". Leiceaga explicou nos 'Almorzos' da Radio Galega que "teño perplexidade e desconfianza, sobre todo porque o ministro en ningún momento falou de alta velocidade".

Se un mira os orzamentos do Estado, non ve nada para ese tren que prometeu onte en Lugo. Así, 2018 sería un exercicio perdido e en dous anos non é posible facelo. Nos orzamentos non hai fondos para isto e é un prazo de tempo inusualmente breve para un proxecto destas características. Eu entendo que o ministro non está falando do AVE porque pasarían sete anos para facelo; está falando doutra cousa

O voceiro socialista lembrou tamén que "hai dez anos Feijóo dixo en campaña electoral que a Xunta adiantaría os cartos para facer o AVE a Lugo, se non o facía o Ministerio". E concluíu: "Pediríalles máis transparencia e claridade aos cidadáns".

Xoaquín Fernández Leiceaga tamén critica como se está xestionando o final da folga da xustiza.

Foi unha folga dura e longa en que nun primeiro momento o Goberno galego apostou polo desgaste e os traballadores asumiron unha aposta ben decidida por mellorar as súas condicións. Agora non se está sabendo cerrar ben o conflito. Hai falta de definición no momento final, que é cando hai que tomar as decisións máis duras

Hai unha demanda razoable de situar os traballadores da xustiza de Galicia na media doutras comunidades. Piden recuperar poder adquisitivo, pero iso vai máis aló da xustiza. Todos os funcionarios sufrimos axustes duros nos salarios durante a crise e agora hai que ir a unha recuperación pactada cos sindicatos nun horizonte que sexa sostible

O voceiro parlamentario do PSdeG falou tamén da posibilidade de que o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, entre no Parlamento.

Dende a perspectiva global do partido, o normal é que o secretario xeral estea no Parlamento. Se ten a posibilidade, sería normal que o fixese e que sexa unha presenza produtiva. Só habería que buscar o xeito

Caballero está conseguindo estabilizar o noso partido. Nós estamos facendo outro traballo máis calado e entre todos conseguiremos armar un proxecto que teña sentido. Agora queda a parte máis difícil, a dos vimbios políticos, e iso pasa por bos candidatos e resultados nas municipais

Sobre o seu futuro político, "eu xa pechei a etapa da política municipal e non me vexo outra vez no Concello. Despois desta lexislatura non sei onde estarei". Sobre a posibilidade de que Xosé Sánchez Bugallo se volva presentar á alcaldía de Santiago, dixo que "Bugallo ten dúas boas características: é unha persoa moi coñecida e sería unha boa opción para ser alcalde; pero, coma sempre, hai que buscar e comparar. É un bo candidato, pero pode haber máis".

 

Cortes dos diferentes programas da RG
Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí