CRTVG

Buscar

Os almorzos

"O cocido é unha das galiñas dos ovos de ouro que hai que coidar"

01/02/2018 - 08:24 h

O concello de Lalín celebra o domingo a Feira do Cocido, que este ano fai a súa 50 edición. O presidente da Real Academia Galega, Víctor Freixanes, será o pregoeiro duns festexos que pretenden render homenaxe á lingua e a cultura galegas.

O alcalde, Rafael Cuíña, afirma que se están batendo todas as marcas en canto a afluencia de público. "Vén xente do Bierzo, de Pamplona, de Cataluña, de Madrid...", asegurou o rexedor nos Almorzos do 'Galicia por diante'. Cuíña calcula que no mes do cocido -que arrancou o pasado 15 de xaneiro e remata o día 14 de febreiro- se poden preparar ata 3.000 cocidos nos restaurantes lalinenses e recalca: "O cocido é unha das galiñas dos ovos de ouro que hai que coidar".

A Feira do Cocido, unha das máis antigas de Galicia e declarada en 1999 de Interese Turístico Nacional, aspira agora a converterse en Festa de Interese Turístico Internacional. "Xa falei coa Xunta, que cre que temos todo feito. O Ministerio non opina o mesmo; pensa que temos que ter moita máis presenza en medios internacionais", apunta o alcalde. "Parece que competimos coa festa en Girona do escargot. A ver que pasa...".

O alcalde asegura que a estas alturas degustou xa once cocidos e conta con superar a cifra do ano pasado, cando chegou a participar en trinta e nove. "É unha cuestión de promoción", asegura, e fai un chamamento a participar esta fin de semana nos festexos: "O mellor é vir con ganas; se é un día frío, mellor; degustalo con xente á que queres, con calma, tomar uns groliños, botar unhas risas e ir a sitios con garantía de calidade". Porque, en palabras de Rafael Cuíña, "quen vén comer o cocido a Lalín marcha cun sorriso e volve sempre".

Lalín, a un ano das municipais
Rafael Cuíña, de Compromiso por Galicia, leva dende 2015 á fronte da alcaldía de Lalín. Encabeza o que el denomina como "Goberno de integración" xunto ao BNG, PSdeG e APAC. "En case tres anos non tivemos ningunha crise nin ningunha discusión importante -asegura- e iso que moitos auguraban que iamos ter moitos problemas". A un ano das eleccións municipais, asegura estar moi centrado en atender as necesidades da veciñanza. Aínda que recoñece que lle gustaría optar a un segundo mandato e que ten moi boa relación coa cúpula do BNG, das mareas, do PSdeG e mesmo do PPdeG, Cuíña non aclara baixo que siglas podería presentarse ás municipais: "Eu son de Compromiso por Lalín. En política pasan moitas cousas. Non digo nada".

Rafael Cuíña confía na inocencia do seu tenente de alcalde, Nicolás González, investigado por presunto acoso laboral e falsificación de documentos públicos. "Paréceme un tema algo raro. El non ten ese perfil. Cústame crer do que é acusado -apunta-. Penso que non se corresponde coa realidade". O alcalde de Lalín apunta que non lle pedirá que dimita, se se lle abre xuízo oral. "Eu era dos que pensaba que unha persoa cunha imputación debía dimitir rapidamente. Pero antes de ser alcalde virei, porque hai casos de persoas que foron investigadas, despois non pasou nada e viron estragada a súa vida política por nada".

Cuíña carga contra o concelleiro Juan José Cruz, que en agosto de 2016 deixou en minoría o Goberno e votou co PP, bloqueando o plan de obras do Executivo local. "Non creo en políticos tránsfugas que alteran os desexos dos veciños. É o peor que se pode facer en política. Non comparto que existan persoas que pensan máis nelas mesmas que no que os veciños votan nas urnas".

O alcalde, que asegura que dedica quince horas ao día a atender as necesidades de Lalín, afirma que se sente frustrado cando non é quen de darlles aos seus veciños o que lle demandan, malia contar cunhas contas saneadas. "Eu non creo na débeda cero nas administracións, pero, se teño 7 millóns de euros na caixa e debo 1, ninguén entende que eu non poida gastar eses cartos nas necesidades dos veciños poque hai un teito de gasto que non ten lóxica"

Nos próximos meses centrarase en decidir en que gasta os 5 millóns de euros de fondos europeos que acaba de conseguir Lalín e en evitar que se baixe da cifra dos 20.100 habitantes censados hoxe en día no seu municipio.

Cortes dos diferentes programas da RG
Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí