CRTVG

Buscar

Os almorzos

"O BNG está en alza e vaise notar nas municipais"

25/04/2018 - 08:23 h

A deputada Olalla Rodil explicou nos 'Almorzos' da Radio Galega que "o BNG está recuperando apoios sociais".

Estamos á alza e vaise notar nas municipais. Temos que seguir ampliando presenza e poder dentro do país para ir implementando o proxecto político que temos para mellorar as condicións de vida dos galegos

Engade Rodil que "en Galicia hai persoas en situación complexa e o BNG quere centrarse niso, fuxir doutros debates". Neste senso Rodil apunta o papel que xoga Ana Pontón na nova etapa do BNG:

Creo que é unha peza fundamental dentro do partido e do grupo parlamentario. Dálle consolidación, une moito, motiva, inspira para facer o traballo, a pesar do muro do PP. Temos unha líder clara e un equipo de traballo que mestura renovación e experiencia

A deputada nacionalista tamén fixo unha valoración do tratamento que lle dan os Orzamentos Xerais do Estado a Galicia. "Os Orzamentos son papel mollado; hai moitos compromisos que logo non se materializan" e Rodil pon como exemplo o mantemento das infraestruturas.

Hai investimentos que só están no papel. Logo ves a estrada N-540, que une Ourense con Lugo, totalmente deteriorada e que o Estado non asume a súa responsabilidade. Tamén a N-642 na Mariña e, en xeral, as estradas do interior da provincia de Lugo evidencian faltan de investimentos que só están no papel

Olalla Rodil ilustra igualmente o "abandono que sofre Galicia por parte do Estado" falando do tren.

Tense que aprobar un plan de compensación en materia ferroviaria para termos un tren do século XXI. En Lugo temos un tren do século XIX, aínda temos a vía sen electrificar

Rodil bótalle a culpa en boa medida a que "Galicia está desaparecida no debate político. Ningunha das persoas elixidas por Galicia no Parlamento español está defendendo os nosos intereses e o Goberno galego tamén está desaparecido".

Fala tamén Rodil de pensións:

Os xubilados non poden empobrecerse. É necesario abrir un debate amplo sobre a garantía do sistema público de pensións. Primeiro de todo, cómpre abolir as reformas laborais. Non podemos ter os traballadores en condicións miserables. Ata que se recuperen os dereitos laborais non poderemos garantir o sistema público de pensións

Preguntada sobre se a deputada de En Marea Paula Quinteiro debería dimitir despois de verse involucrada nun incidente coa Policía de Santiago, Rodil di que "respectamos as decisións doutras organizacións".

Agardamos que En Marea saiba resolver os seus conflitos coa maior intelixencia. Ao BNG o que máis lle preocupa é a maioría do PP. Polo demais, hai que superar debates. Cadaquén que resolva os seus conflitos da forma máis capaz

Cortes dos diferentes programas da RG
Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí