CRTVG

Buscar

Os almorzos

Francisco Vázquez: "Nos últimos anos foise ao garete o espírito da transición"

13/11/2017 - 08:20 h
Francisco Vázquez:

Paco Vázquez explicou nos 'Almorzos da Radio Galega' que "despois dunha etapa política moi longa, excesivamente longa quizais, agora dedícome a observar o que ocorre". Recoñece o ex-alcalde da Coruña, ex-militante socialista tamén, que "sigo tendo inquietude política, pero con pesimismo"

Porque se perderon valores como o da reconciliación, a tolerancia, a convivencia... Nos últimos anos foise ó garete o espírito da Transición. Hai unha nova clase política con falta de preparación, con excesivo profesionalismo

Sobre a situación de Cataluña, Paco Vázquez apunta que todo o que está ocorrendo "xa estaba anunciado".

Son as consecuencias de permitir que en Cataluña se impuxesen as teses nacionalistas a conta de incumprir leis, sentenzas, atentar contra a convivencia... Agora é preocupante porque ese deixar facer chegou a unha situación extrema

A solución ao conflito catalán non a atopa doada.

O das eleccións do 21-D é unha xogada de póker. Supoño que o Goberno terá polo menos enquisas que lle fagan pensar que os resultados serán favorables aos constitucionalistas; pero someter os cataláns a unhas eleccións, coa excesiva carga emocional que hai, é un risco. Por outra parte, é posible que a ruptura da fronte independentista poida levar a un escenario mellor

No día en que se fan quince anos do afundimento do 'Prestige', o daquela alcalde da Coruña sentencia que "fun moi criticado, pero volvería facer o mesmo".

Cando algo vai mal, primeiro cómpre axudar e logo discutir. Non entendo a reacción que se produciu cun interese político claro para desgastar os gobernos de Galicia e Madrid 

Paco Vázquez descarta volver á política activa, pero "se volvese empezar, volvería facelo no PSOE, porque tiña un proxecto ideolóxico claro

Refírome ao PSOE dos meus comezos, o de agora non ten nada que ver, e proba diso é que daquela, cando non gañabamos, eramos oposición. Agora hai unha deriva ideolóxica importante no PSOE; non sabe o que quere

Preguntado polos políticos en activo que admira, apunta o ex-alcalde:

Téñolle gran respecto ao presidente da Xunta -é unha persoa seria-, e tamén ao alcalde de Vigo. A nivel español non teño moita opinión

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí