CRTVG

Buscar

Os almorzos

"España vive en campaña política permanente"

10/04/2018 - 08:25 h

A ferrolá Nona Inés Vilariño, unha das vinte e unha mulleres do primeiro Parlamento español, amosouse partidaria de reformar a Constitución, pero matizou que sería "suicida" abordar ese proceso no momento político actual.

Nos 'Almorzos' do 'Galicia por diante', a deputada constituínte apelou ao espírito de consenso que permitiu aprobar a Carta Magna en 1977. 

É preciso corrixir esta situación de campaña política permanente. Hai que facelo con políticas de Estado, que consistirían en harmonizar dalgunha maneira os procesos electorais. Este espectáculo de campaña electoral cotiá é insufrible, insoportable

Sobre o panorama político en Cataluña, Nona Inés Vilariño dixo que a situación nesa comunidade "evidencia que o Estado foi diluíndo a súa presenza e o seu papel nas comunidades autónomas ata dar a impresión de que non existe. E quero deixar claro que non propugno unha recentralización, senón o exercicio por parte do Estado das súas competencias".

A ex-deputada da UCD dixo que en Galicia a estabilidade política permitiría abordar cuestións básicas como a ordenación territorial interna e, en especial, a crise demográfica.

Nona Inés Vilariño considera "pasado de moda e encorsetado" o sistema actual de partidos. A política ferrolá criticou a ditadura que impoñen as listas electorais.

A Constitución esixe que o funcionamento interno dos partidos sexa democrático. Non se pode utilizar a discrepancia como se fose unha agresión a esa unidade tan mitificada que se supón debe existir no seo dos partidos. Gústame moito dalgúns países que os deputados estean a pé de rúa para enfrontarse ás cuestións que lles presentan os cidadáns

A ex-deputada constituínte bota en falta nos partidos mecanismos internos para cortar de raíz comportamentos como o da parlamentaria de En Marea Paula Quinteiro, implicada nun incidente coa Policía Local de Santiago. Recoñeceu, non obstante, que "as cousas se xulgan segundo a cor de quen as fai".

De calquera xeito, o acontecido descualifica a Quinteiro para a vida política. Sorpréndeme que sexan as bases as que decidan co seu voto se ten que quedar ou marchar. Isto para min pon de manifesto que non existe unha ética de fondo

Nona Inés Vilariño pronunciouse tamén sobre as irregularidades no mestrado de Cristina Cifuentes. A política ferrolá manifestou nos 'Almorzos' do 'Galicia por diante' que a presidenta da Comunidade de Madrid ten que presentar a dimisión.

Chegado este momento, Cifuentes ten que dimitir. E dígoo con mágoa, porque sinto un profundo respecto cara a ela. Pareceume sempre unha muller valente, parecíame que a súa vontade de limpar os baixos fondos do PP de Madrid era real. Iso si, neste caso hai tamén unha corresponsabilidade da Universidade Rey Juan Carlos que hai que investigar

Cortes dos diferentes programas da RG
Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí