CRTVG

Buscar

Os almorzos

“Non asumiremos ningún atraso máis por parte da Moncloa na chegada do AVE”

09/06/2018 - 08:18 h
“Non asumiremos ningún atraso máis por parte da Moncloa na chegada do AVE”

A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, avisa ao novo Executivo de Pedro Sánchez que “non hai nin unha soa escusa para un novo atraso na chegada do AVE”. Nunha entrevista no Galicia por Diante  Fin de Semana da Radio Galega Ethel Vázquez asegura que lle piden ao novo Goberno central “que se cumpran os compromisos en materia de infraestruturas” e “principalmente coa alta velocidade”. Segundo a conselleira de Infraestruturas, “o escenario económico mellorou” polo que di agardar que o Executivo de España “cumpra e asuma ese compromiso, compromiso real, crible e realizable da chegada de alta velocidade” nos prazos dados polo anterior goberno.

Non asumiremos ningún atraso máis por parte da Moncloa na chegada do AVE. Non hai nin unha soa escusa

Sobre as palabras do voceiro parlamentario do PSdeG en A Entrevista nas que deslizaba a posibilidade dun novo “cronograma” das obras do AVE por ser pouco crible o existente, Vázquez dixo que lle “preocupa” e tamén lle “estraña”.

Eu non sei se inconscientemente asume algún político do Partido Socialista que os orzamentos de alta velocidade a Galicia vaian ao Corredor Mediterráneo de Mercadorías

Na liña do anteriormente apuntado, Vázquez dixo agardar “que se cumpra o pactado o falado, o acordado” e aseverou que estarán “vixiantes e atentos a cada paso que dea o Ministerio de Fomento”.

Sobre a reclamación do transferencia  da AP-9 a Galicia, Vázquez lembrou que hai un acordo unánime do Parlamento galego para logo engadir que “cremos que xuridicamente é posible” polo que dixo agardar que “outros partidos non muden de opinión porque mudou a cor política do Goberno do Estado”. Ao mesmo tempo expresou o seu desexo de que siga activa a comisión de seguimento da AP-9.

A tamén conselleira de Vivenda abordou a situación dos afectados e afectadas pola explosión de Paramos, no concello pontevedrés de Tui. Ethel Vázquez dixo entender a “situación de moitas familias desamparadas” ao ser unha “situación de emerxencia imperiosa” e admitiu que “o problema non está resolto” só coas axudas que xa activou a Xunta polo que instou a “que tódalas administración se involucren e nos involucremos”. Tras asegurar que “se é preciso ampliaríase” a axuda xa consignada pola Xunta, Vázquez puxo o foco na actuación da Deputación de Pontevedra.

Pregúntome, a Deputación de Pontevedra, que é o concello dos concellos (…) onde están as súas axudas, onde está a súa implicación?

Finalmente insistiu que, ante a situación de tal calibre,  “é imprescindible que tódalas administración se impliquen tanto o Estado, como as Deputacións como a Xunta de Galicia”

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí