CRTVG

Buscar

Os almorzos

"A suba das pensións que anuncia o goberno é un canto de sereas que pouco van notar os galegos"

03/04/2018 - 08:24 h

A deputada nacionalista explicou nos 'Almorzos' da Radio Galega que "miraremos con detalle os orzamentos que hoxe entran no Congreso".

Pero non agardamos moito deles, vémolos con escepticismo. Dende logo non compartimos a reflexión de Feijóo de que nos axuda que o presidente do Goberno sexa galego; nin Rajoy nin Feijóo exercen como tal

 Sobre a anunciada suba das pensións e baixada de impostos, Presas afirma que "é un canto de sereas".

Debéranse abordar as pensións con profundidade porque o que se anuncia non vai ser moi significativo para os galegos. Para as pensións non contributivas suporá unha suba de once ou doce euros

Neste sentido, a deputada do BNG anuncia que "volveremos levar ao Parlamento que a Xunta destine 40 millóns de euros para subir polo menos cen euros as pensións, que no noso país son de miseria".

Sobre o traballo no Parlamento, Noa Presas di que "as institucións teñen os seus límites e contradicións, pero hai que aproveitalas para dar visibilidade aos problemas".

Sempre hai posibilidades para o acordo, por exemplo en violencia machista. Diálogo si, sempre, e ofrecementos tamén,  pero no BNG non estamos en política para lavarlle a cara ao PP

Tamén se refire a deputada nacionalista ao traballo que se está facendo na comisión de estudo dos incendios forestais.

A comisión está ben, pero somos escépticas porque non se pon o foco en que se fallou na vaga de lume de outubro. Ademais, o BNG insiste en que o Pladiga debe presentarse en abril. O ano pasado case foi en xullo, e iso é inadmisible. Así que está ben que se traballe na comisión, pero vemos unha relaxación no tema do lumes O Pladiga debera estar presentado e todo planificado para evitar riscos

Por último Noa Presas reflexiona sobre a situación do BNG.

Estamos recuperando apoios, mesturando experiencia e renovación, facendo propostas... A verdade é que estamos tendo unha impresión positiva, con novas afiliacións, un liderado forte con Ana Pontón e un bo traballo. Durante unha etapa estivemos demasiado pechados en nós mesmos e agora estamos máis en dar respostas á sociedade, como as pensións, a estafa da AP-9 ou outros temas que introducimos na axenda

Recoñece Presas que "temos un gran reto en que as persoas do país superen o descrédito da política, explicar que a política é a ferramenta para cambiar a nosa vida, por exemplo, a sanidade".

E sobre as eleccións municipais do ano que vén, "non nos marcamos límites".

Temos unha organización coherente con proxecto político e concellos que son exemplo do xa feito, como Allariz ou Pontevedra. De momento non é tempo de falar de candidatos, agora estamos centrados en sumar brazos e ver con perspectiva as municipais

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí