CRTVG

Buscar

Os almorzos

Ángeles Vázquez, conselleira de Medio Rural

25/09/2017 - 08:22 h
Ángeles Vázquez, conselleira de Medio Rural

A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, defendeu que a Xunta está deixando atrás o xeito de facer concentracións parcelarias en Galicia, de forma que non sexan tan agresivas co territorio nin coa paisaxe.

"Agora xa non son cuadrículas. Temos que ter máis respecto polo territorio e máis respecto polos nosos recursos. Iso quere dicir que agora en gran medida o que facemos é respectar o que xa había feito, é dicir, os camiños que había feitos agora mellorámolos, ampliámolos. Agora o que facemos é reestruturar a propiedade sen facer grandes cambios no que é a biodiversidade en si".

A conselleira puxo como exemplos o de Vilantime (Arzúa) ou Vilasantar e explicou que hai 120 proxectos en marcha. Ademais, explicou que outra vía que usa a Xunta é que sexan os donos das leiras os que se poñan de acordo e, nese caso, Medio Rural faise cargo de todos os trámites administrativos.

Vázquez tamén falou da seca. Dixo que a Xunta estuda a posibilidade de subvencionar pozos nos lugares máis afectados. 

"Haberá que valorar se axudar dentro do ámbito das infraestruturas, é dicir, que teñan pozos, que teñan traídas doutro xeito, que lles xere menos problemáticas no que é a súa economía en si. E a partir de aí, todas as determinacións que tomaremos da man do Ministerio".

"Cos incendios este próximo xoves no Consello da Xunta irán as novas axudas de silvicultura para comezar agora e rematar no mes de xuño. Todos os particulares, montes veciñais en man común e asociacións de propietarios poderán solicitar axudas para facer limpezas, para facer incluso devasas, xunto con podas, clareiros...".

"Hai que facer durante o inverno queimas controladas, que son fundamentais neses arbustos que xa van vellos e ao final o que fan é relar a nova actividade e a biodiversidade".

"Os traballos comezarán agora xa, no mes de outubro, e rematarán no mes de xuño, porque sabemos que despois, no mes de xullo, agosto e setembro hai moitos traballos que non se poden levar a cabo".

A conselleira tamén explicou na Radio Galega que a Xunta está axilizando a tramitación de tres indicacións xeográficas protexidas (IXP): a do capón de Vilalba, a da vaca e boi de Galicia e a do pan.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí