CRTVG

Buscar

Os almorzos

"É necesario chegar a un pacto de Estado en sanidade que aposte pola pública"

25/01/2018 - 08:22 h

A deputada socialista no Congreso Pilar Cancela chama a acadar un pacto de Estado que blinde a sanidade pública. Na entrevista dos Almorzos do 'Galicia por diante', Pilar Cancela sostivo que a súa aposta pasa pola descentralización. Algo que non ve incompatible co establecemento dun acordo de mínimos sobre as prestacións sanitarias que se dan en cada comunidade autónoma. 

Un día despois das mobilizacións convocadas por SOS Sanidade Pública, a deputada do PSOE súmase á denuncia das privatizacións e a precariedade laboral no sistema sanitario. Apunta que estas son razóns suficientes para traballar nun pacto de Estado que garanta un servizo sanitario público e de calidade. 

"Un pacto en materia sanitaria é necesario. Non pode ser que un teña máis ou menos prestacións en Galicia que en Andalucía. Nós apostamos por un modelo de descentralización, pero debería existir un acordo de mínimos. (...) A xestión non é optima. Privatizacións, listas de espera moi longas e tamén existe unha precarización laboral do persoal sanitario. Estas razóns son suficientes para sentar a todas as forzas políticas"

Sobre as infraestruturas, a deputada Pilar Cancela apostou por un AVE con dobre vía en todo o territorio e considera que ata o 2020 a alta velocidade non chegará a Galicia. Con respecto á AP-9 sinala que, se a liberación das peaxes no treito Redondela-Vigo vai repercutir no resto do trazado, "non é un bo negocio". Pide que se asuma ese custo adicional dende a Administración ou se faga cargo a propia concesionaria, que xa ten a autoestrada "máis que amortizada"

Palabras tamén de Pilar Cancela sobre o financiamento autonómico, no que para a deputada debe primar o mantemento do Estado de Benestar. Solicita que á hora de facer a repartición de cartos se teñan en conta indicadores tradicionais como o despoboamento ou avellentamento da poboación e ademais que se inclúa a taxa de paro. En canto aos orzamentos xerais do Estado, destaca que o PSOE presentará uns presupostos alternativos. 

Xa nun ámbito interno, Pilar Cancela dixo estar sorprendida pola dimisión de Andrés Díaz como secretario de organización do PSOE na provincia de Pontevedra.

"Hai que asumir estas cousas con normalidade. En todo caso, Andrés é un alcalde (de Ponte Caldelas) cun futuro prometedor, xa que fai un traballo estupendo". 

Sobre as eleccións municipais previstas para o ano que vén, a deputada socialista no Congreso Pilar Cancela recoñeceu que teñen eivas nas grandes cidades, especialmente na provincia da Coruña, e chamou a "ilusionar a cidadanía" con bos proxectos. Un camiño en que, di, traballarán de agora en diante.

Cortes dos diferentes programas da RG
Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí