CRTVG

Buscar

Os almorzos

"É moi preocupante para Galicia a situación política que está vivindo España

01/06/2018 - 08:26 h

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, afirma que a Xunta está moi preocupada pola situación que se abre tras a moción de censura contra o Goberno de Mariano Rajoy.

"É unha situación moi preocupante. Moi preocupante para España e para Galicia porque estamos nunha situación absolutamente inesperada, e nun contexto ademais no que se produce un paradoxo: hoxe teriamos que estar falando da evolución da economía, de como este primeiro trimestre a economía galega está crecendo a un 3'1 por cento, por riba da economía de España, de como todas as variables están tendo un comportamento positivo e, lamentablemente, estamos falando dunha situación de incerteza: de incerteza política, de incerteza económica e, polo tanto, dende o Goberno estamos vendo con moita preocupación esta situación, tanto para España como para Galicia".

Conde destacou que Galicia medra grazas á estabilidade política de Alberto Núñez Feijóo e grazas ás empresas, que están aumentando as súas exportacións un 8 por cento. "Galicia é a segunda autonomía con máis superávit comercial".

"Temos unha previsión de pechar este 2018 cun crecemento de preto do 3 por cento. Estamos nestes momentos no 3,1. Esas previsións, loxicamente, van depender de que consigamos manter estas políticas económicas e industriais".

"Hai incertezas moi importantes e preocúpannos. Hai unha incerteza clara en España. Iso loxicamente preocúpanos e pode ter un impacto na economía galega. Hai incertezas nos mercados internacionais, como a decisión dos Estados Unidos de abrir unha guerra comercial coa Unión Europea, que non beneficia á economía europea e, polo tanto, non beneficia a España e non beneficia a Galicia".

"A propia situación política a nivel europeo, coa situación de Italia e coa situación do Brexit, tamén é outro elemento de incerteza e, polo tanto, teremos que estar moi atentos a esas incertezas, pero nestes momentos claramente esas previsións están próximas ao 3 por cento".

Cortes dos diferentes programas da RG
Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí