CRTVG

Buscar

Os almorzos

"Feijóo deulle unha lección grande a moita xente. A ambición está ben, pero a ambición desmedida é un erro"

19/06/2018 - 08:23 h

O secretario xeral dos populares galegos, Miguel Tellado, dixo nos 'Almorzos' da Radio Galega que a decisión de Alberto Núñez Feijóo de non presentarse á presidencia do PP "é un xesto que reconcilia a política coa cidadanía; é un xesto de responsabilidade sen precedentes". Tellado explica que "era unha decisión difícil porque tiña un compoñente persoal, político e institucional", pero, ao seu xuízo, "Feijóo fixo o mellor". Segundo contou, na decisión de Feijóo "creo que pesou Galicia, o seu compromiso con Galicia, que se remonta a 2009 e foi revalidado en 2016".

O que temos aquí é único, un Goberno con apoio maioritario. Feijóo ten unha débeda de gratitude cos cidadáns que o apoiaron e non quixo fallarlles. O presidente caracterízase por decisións mesuradas, ponderadas; fixo o mellor para Galicia e para el

A política é xestión, responsabilidade e tamén paixón. Un presidente que se emociona cando fala de Galicia é moito. É moi positivo para el, para Galicia e para todos

O responsable do PP galego entende que "moita xente miraba a Feijóo como solución ao partido e é normal, porque ten a única maioría absoluta. O proxecto de Galicia é un referente para todo o PP, un proxecto gañador, e Feijóo representa o que moitos queren para o partido". Pero Tellado non cre que o paso atrás de Feijóo vaia ser un impedimento para empezar unha nova etapa no partido.

O PP ten unha grande oportunidade de elixir un líder e volver ser un partido de goberno, con obriga de gañar. Temos que reconectar coa sociedade que deixou de confiar en nós

O PP é un gran proxecto e non pode facelo unha persoa; ten que contar con todos. No congreso extraordinario temos a oportunidade de abrirnos á sociedade, estar atentos ao que ocorre na rúa. Aquí non sobra ninguén, falta xente. Teño a sensación de que ás veces nos falta orgullo de partido. Eu síntome orgulloso dun partido que soubo rescatar España, entre outras cousas

Sobre o papel de Feijóoo no futuro, di Tellado que "tamén pode facer política nacional dende Galicia" e "hai Feijóo para moito tempo. Ten un compromiso con Galicia e queda moito por facer; quedan dous anos de lexislatura"

Unha última frase de Miguel Tellado na Radio Galega: "Feijóo onte deu unha lección grande a moita xente: a ambición está ben, pero a ambición desmedida é un erro".

 

Cortes dos diferentes programas da RG
Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí