CRTVG

Buscar

Os almorzos

"A crise na Deputación de Lugo demostra que é mellor que gobernen os que gañan as eleccións"

17/04/2018 - 08:25 h

Miguel Tellado explicou nos 'Almorzos' da Radio Galega que "o PSOE en Lugo se derruba; é o final do besteirismo. O que está pasando na Deputación demostra que é mellor que gobernen os que gañan. Nada disto pasaría se gobernase o PP".

Hai unha división interna brutal. Non preciso criticar a ninguén porque os maiores cualificativos cruzáronos o presidente e o vicepresidente da Deputación, que son do mesmo partido

O secretario xeral dos populares galegos cre que este tipo de situacións contribúe ao descrédito da política.

Os cidadáns esperan dos políticos máis rigor, máis altura de miras

Analiza tamén Tellado a situación de En Marea.

Hai diferenzas enormes no grupo parlamentario, discrepancias evidentes. Estamos ante a crónica dun grupo mixto anunciado. Está claro que alguén marchará porque a convivencia nese partido é imposible. É un proxecto fracasado e agora cómpre tentar que a deriva non chegue ás cidades nas que gobernan

Sobre o papel do voceiro parlamentario Luís Villares, "cada día perde máis peso no seo da súa formación".

Villares ten cada vez menos autoridade no seu partido. Villares queda inhabilitado para a vida política e mesmo para a profesional porque a súa credibilidade está minguada

De cara ás próximas eleccións municipais, Tellado apunta que "o proxecto de En Marea está fracasado porque non ten que ver coa Galicia real. Eles dedícanse a batallar uns con outros e nós preferimos falar das preocupacións de Galicia".

Precisamente falando da preparación das municipais, di Tellado que "quedan catorce meses e hai tempo para anunciar candidatos".

O importante é acertar. Un ano antes sería bo momento para presentar candidatos, pero sen obsesionarnos. Hai que traballar dende a humildade e escoitar a xente

Tellado ten expectativas positivas de cara aos comicios.

Hai preocupación social por que as cidades que están en parálise se sumen á recuperación. Hai moitas ganas de cambio en Ferrol, Santiago, A Coruña, onde goberna a esquerda radical, ou en Vigo tamén

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí