CRTVG

Buscar

Os almorzos

Miguel Tellado, secretario xeral do PPdeG

06/09/2017 - 08:23 h
Miguel Tellado, secretario xeral do PPdeG

O responsable do PP de G afirmou na entrevista dos Almorzos do 'Galicia por diante' que "é evidente que existen dúbidas sobre a forma en que a familia Franco adquiriu o Pazo de Meirás", e amosouse partidario de buscar fórmulas legais que permitan que o inmoble volva ser de titularidade pública. En todo caso, Miguel Tellado manifestou que debería ser a familia Franco a que "reflexionase e devolvese o pazo á titularidade pública", ao tempo que rexeitou que o método da expropiación sexa o axeitado para resolver este caso. Sobre o feito de que sexa a Fundación Francisco Franco a que xestione as visitas ao pazo, Tellado cre que este organismo debería disolverse, pero lembra que está dentro da lei e que só un xuíz pode ilegalizala.

De cara ao curso político que comeza, Miguel Tellado sitúa como prioridade do seu partido e do goberno da Xunta a recuperación económica. Di que o obxectivo é "trasladar a mellora da economía ás familias e lograr que haxa subas salariais". Neste sentido subliñou que no último ano a taxa de desemprego baixou sete puntos en Galicia e que están poñendo en marcha leis para consolidar o crecemento, como a Lei de Implantación de Iniciativas Empresariais, que se debaterá no pleno do Parlamento da semana que vén.

Tellado destaca que esta norma busca darlles facilidades ás empresas para que se instalen en Galicia e xeren emprego estable e de calidade. Para logralo, aposta por "eliminar trámites burocráticos, ofrecer solo empresarial máis barato e liberalizar sectores nos que hai trabas innecesarias". O secretario xeral do Partido Popular de Galicia conclúe que hai que levar a cabo "unha política agresiva para competir con Portugal e atraer investimentos de fóra".

Tamén se referiu Miguel Tellado a outra iniciativa lexislativa, neste caso á reforma da Lei de Saúde que prepara a Xunta. Defendeu que se trata dunha modificación administrativa que non vai ter efectos nos servizos e na atención aos cidadáns. O dirixente do PP rexeitou as críticas dos partidos da oposición, dos que dixo que "tentan desprestixiar a sanidade pública e utilízana para facer política", ao tempo que lembrou que a sanidade pública absorbe preto dun 40 por cento de todo o orzamento autonómico.

A conta do desafío soberanista de Cataluña, o secretario xeral do Partido Popular de Galicia aposta pola moderación como fórmula para resolver os problemas e rexeita os pasos que está dando o Goberno catalán "cara a unha confrontación innecesaria e improdutiva". Ademais, aludiu ás palabras do secretario xeral do PSOE nas que afirmaba que Galicia era unha nación. Di Miguel Tellado que Pedro Sánchez tenta "apagar o lume con gasolina" e que o que é Galicia "dío moi claro a Constitución: unha nacionalidade histórica".

O responsable do PP de G rematou a entrevista dos Almorzos do 'Galicia por diante' falando das eleccións municipais de 2019. Recoñece que, malia faltar ano e medio, marcarán este curso político porque "todos os partidos traballan xa coa ollada posta nesa cita". Insistiu en que os populares irán a gañar en tódolos concellos porque o PP "é un partido de goberno, non de pancarta" e estimou que terán os nomes dos seus candidatos "un ano antes dos comicios", en maio do ano que vén.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí