CRTVG

Buscar

Os almorzos

Miguel Tellado, o secretario xeral do PPdeG

24/07/2017 - 09:28 h
Miguel Tellado, o secretario xeral do PPdeG

O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, asegura que el tamén quere "verdade e xustiza" sobre o accidente ferroviario de Angrois, pero sinala que o Parlamento non é o lugar, xa que non serviría para esclarecer nada, só achegaría "polémica política".

Así o expuxo o deputado autonómico na entrevista dos Almorzos do Galicia por Diante. Segundo Tellado, "alguén como Iolanda Díaz non achegaría nada relevante na investigación", polo que sería un erro crear esa comisión de investigación parlamentaria que vítimas e grupos político solicitan.

Neste sentido, o secretario xeral sinalou que é preciso recordar os labores dos servizos de urxencia aquela noite do 24 de xullo de 2013.

Demostraron estar preparados para traballar nunha catástrofe que nunca pensamos ter que vivir

Con respecto á postura do partido socialista, Tellado critica que o que pretende o secretario xeral, Pedro Sánchez, é "axustizar" a José Blanco, e recorda que "o único que pode impartir xustiza é un xuíz". Así, sinalou que "unha vez actúe a xustiza, poderemos abrir ou non unha investigación propia".

Ao preguntarlle polos actos de celebración do Día de Galicia por parte do Partido Popular, Tellado apuntou que o "nacionalismo integrador é unha maneira de entender Galicia como prioridade, sen perder contrapoñerse ao Estado".

Deste xeito, explicou que a homenaxe a Fraga realizada polos populares representa un exemplo máis da súa intención de valorar o traballo daquelas persoas que "axudaron a facer de Galicia un proxecto identificador".

O secretario xeral dos populares galegos entende que o teito de gasto aprobado polo Goberno autonómico reflicte a mellora da comunidade. "Existe un contexto razoable de recuperación", detalla que permite "blindar os servizos públicos e os servizos sociais" e que se conseguiu grazas a "priorizar" os gastos.

Con vistas ás próximas eleccións municipais, Tellado recordou que "ser presidente local, non equivale a ser candidato á alcaldía". Así mesmo, lamentou a situación actual de concellos como Ferrol, onde di "é preciso un cambio".

José Manuel Rey Varela foi o mellor alcalde que tivo Ferrol, iso é o que pensa a xente ao ver a Jorge Suárez

Sinala que os alcalde da Coruña e Santiago chaman menos a atención por facer "menos ruído", pero que a xestión en Ferrol "é o máis parecido a un esperpento"




Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí