CRTVG

Buscar

Os almorzos

"Non se pode abordar unha reforma da Lei electoral dando as costas aos dous partidos maioritarios"

12/02/2018 - 08:24 h

O presidente do Parlamento galego, Miguel Santalices, critica que Ciudadanos e Unidos Podemos promovan unha reforma da Lei electoral sen contar co consenso dos partidos maioritarios. A proposta, segundo o resultado das eleccións do 2016, faría que o PPdeG perdese dous deputados no Congreso e o PSdeG, un. Na entrevista dos Almorzos da Radio Galega, Santalices dicía non estar disposto a admitir este cambio.

Non me parece razoable que se aborde unha reforma electoral deixando de lado os dous partidos maioritarios. Non é serio. Unha mudanza da Lei Electoral ten que vir dende a óptica do consenso. (...) Nunca deixaría que se perda representatividade e esta proposta faino; canto menos perderíase un deputado por Ourense

Nesta rolda de entrevistas do 'Galicia por diante' á Mesa do Parlamento, Miguel Santalices tamén fixo fincapé na necesidade de abrir as portas do Pazo do Hórreo.

Temos un convenio coa Consellería da Cultura para que as escolas poidan visitar o Parlamento e a Xunta, o seu Goberno. Tamén abriremos un día á semana o Parlamento para que as persoas poidan acudir ás visitas guiadas. (...) A idea é comezar xa, no mes de marzo ou abril

O actual presidente do Parlamento, que xa cufai dous anos neste cargo, sostén que a Mesa adoita traballar mediante consenso e que moi poucas veces é preciso someter a votación unha decisión.

Temos moi bo ambiente e traballar de forma agradable facilita moito as cousas

Con respecto ao límite de mandatos e ao futuro político do presidente da Xunta, Miguel Santalices di que o límite de mandatos debe marcalo a cidadanía e non estar recollido por norma. Tamén insistiu en que lle gustaría que Núñez Feijóo quedase en Galicia, aínda que é "un home cunha gran bagaxe política, que pode decidir se ten outras opcións"

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí