CRTVG

Buscar

Os almorzos

Santalices: "É impensable que o que ocorreu no Parlamento de Cataluña ocorra no Parlamento de Galicia"

04/10/2017 - 08:20 h
Santalices:

O presidente do Parlamento Galego analizou hoxe nos 'Almorzos do Galicia por diante' a situación que se vive en Cataluña. Miguel Santalices comparou o proceso democrático cun enfermo que está na UCI e o que se precisa agora, dixo, é "organizar todo o corpo médico para ver como podemos recuperar este paciente".

Miguel Santalices cre que os presidentes das distintas cámaras autonómicas tamén teñen moito que dicir neste asunto e manifestou o seu desexo de que se convoque unha reunión da COPREPA neste sentido.

O presidente do Parlamento asegura que é "impensable" que suceda na Cámara galega o que sucedeu no Parlamento de Cataluña, onde se aprobou a chamada Lei de Transitoriedade sen ter en conta a ninguén. Vulneráronse -dixo- dereitos dos parlamentarios, da Xunta de Portavoces, dos letrados... Recalca Santalices que o respecto ao Parlamento galego é máximo. 

Miguel Santalices fixo tamén autocrítica e considera que o Goberno central pecou na falta de previsión de determinadas situacións que, dixo, había que ter "controladas".

Santalices é consciente de que a situación en Cataluña estará presente no debate do estado de autonomía, que se celebra entre hoxe e o venres no Parlamento, pero confía en que se fale sobre todo de Galicia e dos problemas dos galegos e en que os grupos dean chegado a acordos.

Máis aló dos asuntos de actualidade, Miguel Santalices fixa como un dos seus obxectivos facer máis visible o Parlamento galego. Cre que non é suficientemente coñecido e que hai que traballar máis para que os cidadáns sexan conscientes do que alí se fai, do seu papel, e do que alí poden atopar, como unha das mellores pinacotecas.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí