CRTVG

Buscar

Os almorzos

"A liberación da peaxe da AP-9 entre Redondela e Vigo podería agochar unha suba do 1% no resto do trazado"

24/01/2018 - 08:20 h

O deputado de En Marea no Congreso Miguel Anxo Fernán-Vello advirte de que a liberación da peaxe da AP-9 entre Redondela e Vigo podería agochar unha suba do 1 por cento das peaxes no resto do trazado da Autoestrada do Atlántico. Respondía así nos Almorzos do 'Galicia por diante', na Radio Galega, ao anuncio do Ministerio de Fomento, que accedeu á petición da Xunta de liberar a peaxe nese treito da provincia pontevedresa. 

O treito da AP-9 entre Redondela e Vigo queda libre de peaxe, pero isto significa que Audasa podería subir un 1 por cento as peaxes no resto do trazado da autoestrada do Atlántico. A liberación deste tramo supón na práctica unha nova suba das peaxes en todos os tramos desta vía. En Marea pide que se anule esa suba do 1 por cento e que tampouco aumente no treito entre Redondela e Vigo

Fernán-Vello tamén sostivo que En Marea "non gravita arredor do modelo de trens de alta velocidade". Para a formación, trátase dunha infraestrutura custosa e con grande impacto ambiental, polo que aposta por unha rede ferroviaria galega que conecte os territorios claves do país.

Defendemos un modelo que a día de hoxe non existe, que é o tren de proximidade. Un modelo que atende os problemas das persoas e as necesidades de mobilidade diarias. Galicia é das poucas comunidades autónomas que non dispón dun tren de proximidade

Para ofrecer uns servizos públicos de calidade á cidadanía galega, o deputado de En Marea no Congreso defendeu nos micrófonos da Radio Galega un modelo de financiamento autonómico confederal.

Galicia precisa de maior soberanía fiscal, maior poder financeiro para levar a cabo políticas públicas que poidan financiar os servizos públicos. Un modelo que defenda a equidade e sexa autónomo e soberano

O deputado acusa o PP de "recortar o gasto público" e ser "recentralizador".

Palabras tamén de Fernán-Vello en apoio ás diversas manifestacións de SOS Sanidade Pública que terán lugar hoxe en diferentes puntos de Galicia. O deputado defendeu un sistema sanitario público, gratuíto e universal, ademais de pedir a retirada da reforma da Lei Sanitaria e un reforzo na atención primaria.

Sobre a propia formación de En Marea, Fernán-Vello defendeu os procesos de unión popular, que considera "procesos vivos". Entende que isto propicia o debate interno, que nace - segundo apunta - da eliminación do autoritarismo nas formacións. Sinalou tamén que "as alcaldías de Compostela, A Coruña e Ferrol marcaron un antes e un despois na historia destes concellos", ao considerar que son os "protagonistas dunha transformación municipal en marcha".

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí