CRTVG

Buscar

Os almorzos

"Non teño claro que a transferencia da AP-9 á Xunta puidese implicar unha mellor xestión"

23/01/2018 - 08:22 h

A deputada de Ciudadanos no Congreso por Madrid, Marta Rivera de la Cruz, cuestiona a capacidade da Xunta para xestionar dende Galicia a AP-9. A lucense considera que o debate sobre a AP-9 debe xirar sobre o bo estado da autoestrada e as peaxes, e non sobre a súa titularidade, que leva anos sendo unha reclamación unánime do Parlamento galego.

Parece que agora a preocupación é de quen é a autoestrada, cando o que lle preocupa á xente é como está. A AP-9 é da xente que pasa por ela, que atopa as fochancas e que ás veces ten que pagar máis peaxes das que debería

Na entrevista dos Almorzos do 'Galicia por diante', Marta Rivera de la Cruz preguntábase se a Xunta está preparada para facer unha mellor xestión da AP-9 que o Goberno central.

A Xunta está en condicións de asegurar que a xestión da AP-9 melloraría? Non está claro

A AP-9 non foi a única infraestrutura sobre a que se pronunciou a deputada de Ciudadanos no Congreso. Sostén que o ferrocarril é "a gran materia pendente en Galicia" e que, nese aspecto, a chegada do AVE resulta moi importante para a comunidade. Pero di que tamén "hai que preguntarse polo ferrocarril de proximidade porque hai moitas cidades galegas que non están ben conectadas". Puxo o seu caso como exemplo. Explicou que ir desde Lugo á Coruña en tren leva arredor de dúas horas. 

A deputada recoñeceu que, ata o de agora, Ciudadanos non acadou uns bos resultados en Galicia. Con todo, e de cara ás eleccións municipais, sostivo que están traballando nunha mellor implantación da formación nos concellos e renovando os seus equipos. Sobre as enquisas que benefician o partido a nivel estatal, di que lle fai "graza que algúns políticos queiran restarlles importancia ás enquisas que favorecen a Ciudadanos"

Marta Rivera de la Cruz defende un financiamento "xusto e equitativo para todas as rexións", que deben "baixar a testa e acatar o que lles din desde Madrid". O obxectivo, explica, é que todos os territorios "teñan os mesmos dereitos". Neste aspecto criticou o cupo vasco e lamentou que o seu partido fose o único que se opuxera a esta iniciativa.

Cando hai a oportunidade de facer a mesma táboa para a xente, quedamos sós

En canto aos presupostos xerais do Estado, a deputada insistiu na necesidade de que a senadora do PP Pilar Barreiro deixe o seu escano por estar investigada pola xustiza dentro da trama Púnica, para continuar dando o seu apoio. Engadiu que tanto socialistas como o PNV non se están movendo, polo que semella que os presupostos continuarán estancados.  

Cortes dos diferentes programas da RG
Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí