CRTVG

Buscar

Os almorzos

"Eu síntome moi cómoda neste espazo de solidariedade que é En Marea"

14/11/2017 - 08:34 h

A senadora de En Marea Vanessa Angustia está convencida de que non haberá problema para reeditar a alianza entre Anova, Podemos e Esquerda Unida que permitiu a En Marea conseguir cinco escanos no Congreso e outro máis no Senado nas pasadas eleccións xerais. Nos Almorzos do 'Galicia por diante', Angustia confesou que se sente "moi cómoda na alianza en Galicia e no espazo que compartimos no conxunto do Estado con outras forzas" e cre que se debería reeditar esta alianza no futuro. Ao seu xuízo, non hai motivos para pensar que Podemos se poida descolgar desta marca: "Non creo que Podemos non vaia estar". Recoñece que a complicación xorde cando teñen "pensamentos ou mandatos internos" determinados. Entón, asegura, "os debates duran máis, poden ser máis difíciles", pero engade que "non nos atopamos na situación de que ninguén poida abandonar o espazo de En Marea".

Vanessa Angustia critica a decisión do Goberno de aplicar o artigo 155 da Constitución en Cataluña. Afirma que a súa aplicación é "totalmente ilegal" e cre que poñelo en marcha foi "unha chapuza política que non solucionou nada". Na súa opinión, as eleccións de decembro deben servir para "poñer enriba da mesa os problemas que realmente preocupan en Cataluña" máis aló do afán independentista dos seus gobernantes.

A senadora de En Marea agradece o apoio de todos os grupos da Cámara -incluído o Partido Popular- á iniciativa presentada polo seu grupo reclamando medidas urxentes para paliar os danos provocados polos incendios de outubro en Galicia.

Estamos contentos malia que a proposta incluía outras medidas, como o debate do modelo produtivo ou que pasa cos servicios de urxencia privatizados polo Goberno... Non conseguimos iso, pero o máis importante eran as medidas de urxencia

Angustia considera inútil a creación creada só polo PP no Senado para investigar o financiamento irregular de todos os partidos políticos. Asegura que a verdadeira comisión é a constituída no Congreso para investigar o suposto financiamento ilegal do PP na trama Gürtel e nos chamados Papeis de Bárcenas e opina que a da Cámara Alta "é unha cortina de fume para desviar a atención sobre as finanzas irregulares do Partido Popular".

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí