CRTVG

Buscar

Os almorzos

"Sería bo que houbese un pacto polo patrimonio para que todas as administracións se implicasen no seu coidado"

06/04/2018 - 08:23 h

María Antón Vilasánchez é voceira parlamentaria do PPdeG nas áreas de Xacobeo e Patrimonio Cultural. Esta mañá, nos 'Almorzos' da Radio Galega explicou que "en Galicia temos unha gran riqueza de patrimonio natural que require moito traballo coidar. Por unha banda, temos os Bens de Interese Cultural, que son unha prioridade, pero tamén parques arqueolóxicos, o Camiño de Santiago... O patrimonio galego depende de todos, dos galegos, das administracións locais, non só da Xunta... Sería bo que houbese un pacto polo patrimonio para que todas as administracións se impliquen no seu coidado. Os Orzamentos da Xunta non poden abranguer todo o necesario".

María Antón apunta tamén que "o turismo é un dos piares da economía galega, pero existe ademais unha parte sentimental, a imaxe que damos fóra. O Camiño de Santiago é o buque insignia do turismo galego. Quero diferencialo do Xacobeo porque o Camiño é un traballo de todos os días e o Xacobeo é unha efeméride, algo puntual. A Xunta traballa intensamente en ambos"

Falando de turismo, a deputada popular e tamén concelleira en Santiago refírese á taxa turística que propón cobrar o Concello compostelán. "É unha cortina de fume do alcalde de Santiago; non ten ningún estudo sobre iso. No turismo non está facendo nada. Todo o que se fai na cidade depende da Xunta. A taxa non é unha prioridade. El lanza a idea e di que recade a Xunta; iso non é serio". Engade María Antón que "o alcalde está errado na súa actitude. Ten que ter máis lealdade con todas as administracións que participan no Xacobeo".

E unha última valoración sobre os Orzamentos Xerais do Estado. Di María Antón: "Nos Orzamentos téntase trasladar ese pequeno remonte poscrise e dar á xente oportunidades. Son moi sociais, e en patrimonio hai partidas específicas para a catedral de Santiago. A nivel de patrimonio hai unha aposta polo Camiño e por Santiago. Tamén medran os orzamentos para a rede de bibliotecas, a rebaixa do IVE cultural...".

Cortes dos diferentes programas da RG
Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí