CRTVG

Buscar

Os almorzos

"Máis do 70% dos venezolanos apoian un cambio no país"

31/05/2018 - 08:22 h

A Federación que agrupa os venezolanos residentes en Galicia considera unha farsa as recentes eleccións que deron a vitoria a Nicolás Maduro. O presidente dese colectivo, Manuel Pérez, dixo nos 'Almorzos' do 'Galicia por Diante' que "o mundo enteiro viu como apenas había xente nas urnas e, de repente, apareceron máis de seis millóns de votos".

Manuel Pérez di que a crise provocada pola ditadura de Maduro non ten precedentes na historia de Venezuela. "O salario dunha persoa chega para comprar dúas ducias de ovos. A xente morre, non hai medicinas; é un país en destrución".

O representante dos venezolanos residentes en Galicia opina, así e todo, que algo se está movendo no país. "Está xurdindo unha corrente internacional dos venezolanos do exterior, con moita forza, e cada vez recibimos máis apoio interno". Manuel Pérez opina que, neste momento, entre o 70 e o 80% dos venezolanos aposta polo cambio. Cre que ese movemento pode chegar a aglutinar o 95% da poboación, se as persoas que dun ou doutro xeito traballan para o Goberno logran vencer esa presión.

O convidado dos 'Almorzos' bota en falta máis axuda da comunidade internacional á hora de enfrontarse ao réxime de Maduro. "A UE acordou ampliar as sancións a Venezuela, pero botamos de menos maior presión na súa reacción a un país en descomposición".

Manuel Pérez valorou de xeito positivo a xestión de Juan Carlos Escotet á fronte de Banesco, matriz da entidade galega Abanca. O presidente da Federación de Venezolanos en Galicia ten dúbidas acerca de que Maduro decida a intervención de Banesco. "Non tería sentido intervir un dos grupos bancarios  máis importantes de Venezuela para incorporalo a unha banca pública que é unha completa ruína".

Acerca da situación dos venezolanos residentes en Galicia, que, unidos aos de Asturias son uns 17.000, Manuel Pérez dixo que cada vez retornan máis persoas. A maioría son netos de galegos que emigraron a Venezuela nos anos 50 e que formaron alí as súas familias. "Por iso lles recomendamos vir, porque Galicia é sensible co tema da emigración. Aquí sentímonos ben, Galicia é o paraíso".

O presidente da Federación de Venezolanos en Galicia laiouse do problema que supón para os retornados o non-pagamento das pensións por parte de Venezuela. Dende finais de 2015 uns 9.000 pensionistas non reciben as prestacións que lles corresponden por dereito logo de traballar toda unha vida no país suramericano. "Hai un convenio entre España e Venezuela e confiamos en que o acordo se cumpra para arranxar de maneira definitiva a situación".

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí