CRTVG

Buscar

Os almorzos

"Calquera cambio no calendario escolar debe responder a un consenso social e educativo"

02/04/2018 - 08:21 h

O director xeral de Educación da Xunta, Manuel Corredoira, avoga polo consenso entre as forzas políticas para lograr un Pacto de Estado Social e Político pola Educación. Corredoira dixo nos 'Almorzos' da Radio Galega que calquera proposta de cambio sobre os descansos lectivos debe respectar as necesidades reais do alumnado e a conciliación da vida escolar e familiar.

Eu creo que o calendario escolar debe responder, primeiro, ás necesidades reais dos alumnos e atender a conciliación da vida escolar e familiar. Ademais, debemos axustarnos aos 175 días lectivos e ter en conta o calendario tradicional á hora de abordar posibles cambios

En referencia ao caso de Cantabria, que estableceu un descanso semanal ao mes, Manuel Corredoira amosouse "pouco partidario" de facer "cambios tan bruscos" e dixo que a experiencia naquela comunidade "non está resultando satisfactoria ao cen por cento".

O director xeral de Educación da Xunta situou nun "nivel medio-alto" o sistema educativo galego. Segundo Corredoira, o 95% do alumnado infantil está escolarizado nos centros elixidos como primeira opción. Manuel Corredoira destacou que este curso todos os centros educativos disporán de conexión a Internet con alta velocidade. Dixo, ademais, que, grazas ao proxecto E-Dixgal, 13.000 alumnos traballarán con libro dixital:

Temos libros adecuados ao currículo galego, en dixital e totalmente gratuítos para todos eses alumnos. Isto é posible grazas a unha boa conectividade e ao proxecto que se puxo en marcha e que está sendo acollido con entusiasmo polos centros que se incorporan a el

 

Cortes dos diferentes programas da RG
Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí