CRTVG

Buscar

Os almorzos

"Camariñas é estes días o centro do mundo do encaixe"

28/03/2018 - 08:25 h

Ás cinco da tarde inaugúrase oficialmente a vixésimo octava edición da Mostra do encaixe de Camariñas, que desde hai vinteoito anos converte a vila no punto de encontro de encaixeiras de todo o mundo. Esta mañá o alcalde, Manuel Alonso de León, destacou nos Almorzos da RG, o traballo das mulleres camariñáns desde hai décadas e o valor que supón para a vila, non so a nivel económico.

Camariñas é estes días o centro do mundo do encaixe. Levamos vinteoito anos poñendo en valor o traballo das nosas palilleiras

O rexedor aproveitou a súa presenza nos micrófonos da Radio galega, para reivindicar a posta en marcha das obras da última fase na fachada marítima de Camariñas, a creación dun polígono industrial e a creación dun centro de dia.

Tamén houbo tempo para a política. Alonso de León defende a elección de delegados para os congresos socialistas, fronte á máxima de un militante un voto. Afirma que "para iso xa hai eleccións xerais, autónomicas e locais". O alcalde de Camariñas non aclarou tampouco se será o candidato socialista nas eleccións locais do vindeiro ano. Sinalou que está pendente da xustiza -recorreu unha sentenza que o inhabilitou por prevaricación- para decidir se volve optar á alcaldía ainda que incidiu en que "nunca recibin presións por parte do partido, porque saben que non prevariquei, pero as cousas son como son". Afirmou que segue tendo a ilusión de mellorar a súa vila, porque asegura, ten proxectos "tremendos".

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí