CRTVG

Buscar

Os almorzos

"Manolo Martínez ten inquina co besteirismo e iso creo que é unha enfermidade psicolóxica ou psiquiátrica"

14/04/2018 - 08:21 h

O presidente da Deputación de Lugo, o socialista Darío Campos, admitiu na Radio Galega sentirse "decepcionado" coa "actitude" de Manuel Martínez, o ata este mércores vicepresidente do organismo provincial. Nunha entrevista no Galicia por Diante fin de semana, Campos dixo estar "decepcionado" porque "fun o artífice de darlle esa segunda oportunidade"  e "me sinto decepcionado coa actitude que mostrou Manolo Martínez durante estes días". Campos recoñeceu que a incorporación de Martínez ao grupo de goberno socialista espertou "certo receo" entre os compañeiros  e dixo entoar "o mea culpa porque fun artífice de que Manolo volvera contra da opinión de algúns pero non me arrepinto de nada".

O presidente da Deputación de Lugo e alcalde da Pontenova tamén defendeu ao actual secretario provincial dos socialistas lucenses. De Álvaro Santos, Campos dixo que é "gran traballador" e "gran persoa" e dixo estar convencido de que "Álvaro vai ser un gran secretario xeral. Respecto á actitude de Martínez co que fora secretario xeral do PSdeG, Xosé Ramón Gómez Besteiro, Campos atribúea a que "Manolo Martínez ten inquina aí co besteirismo e iso creo que é unha enfermidade psicolóxica ou psiquiátrica que hai que curala con tratamento deste tipo, psicolóxico ou psiquiátrico".

Segundo o presidente provincial, "eu creo que ten algo gravado aí dentro de si mesmo, de non ter sido presidente hai 12 anos". Para Campos, "Besteiro foi un gran presidente", "gran secretario xeral de Lugo e de Galicia"  e que agora é un "militante máis" e cualifica de "manías persecutorias" as críticas de Martínez. Ademais, Campos limita a "rumores" as posiblidades de que se constitúa unha lista alternativa ao PSOE na provincia de Lugo para as municipais, tal e como ten apuntado Manuel Martínez. Malia a minoría do grupo de goberno provincial, Campos lembraque "sempre foi un goberno en minoría" dende o comezo e iso non lle impediu levar adiante iniciativas ou aprobar os orzamentos en varios exercicios. 

Cortes dos diferentes programas da RG
Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí